O PP recupera a Alcaldía de Ribeira e expulsa Pérez Barral, que foi recibido entre mostras de apoio

María Sampedro (PP) é desde esta segunda feira a nova alcaldesa de Ribeira (O Barbanza) tras prosperar a moción de censura presentada polo Partido Popular co apoio de tres dos cinco concelleiros do Partido Barbanza Independente (PBBI), socio de Goberno do BNG, xunto ao PSdeG, até o pasado 29 de setembro.
O ex alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral, no momento da votación. (Foto: Concello de Ribeira)
O ex alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral, no momento da votación. (Foto: Concello de Ribeira)

O PP culminou a expulsión do BNG da Alcaldía de Ribeira após triunfar a moción de censura presentada polos populares co apoio do PBBI de Vicente Mariño. En concreto, o acordo para apartar o nacionalista Luís Pérez Barral do Goberno local foi adiante cos votos a favor dos dez concelleiros do PP e de tres dos cinco edís independentes, electos polo PBBI en 2023, socios de coalición xunto ao PSOE durante dous anos.

Juan Luis Furones rexeitou asinar a moción de censura desde o primeiro momento, mentres que Tania Redondo retractouse tras rubricar o pacto aducindo "presións" por parte do Partido Popular. Ambos os dous estreáronse onte no grupo dos non adscritos con cadanseu voto en contra da moción de censura.

Debate

O pleno no que se confirmou a remuda na Alcaldía de Ribeira decorreu no antigo auditorio, con capacidade para unhas 300 persoas. A veciñanza ocupou as butacas dispoñíbeis e mesmo ateigou os espazos baleiros, de pé, para seguir en directo o debate da moción de censura e a votación final, que deu paso ao primeiro discurso de Sampedro como alcaldesa de Ribeira, detido uns instantes polos apupos e amoestacións do público.

Aínda como candidata, Sampedro amosouse convencida de que "Ribeira merece un cambio". "Unha moción de censura é un acto lexítimo, democrático e profundamente responsábel", sinalou, para xustificar a súa iniciativa "non por ambicións persoais ou cálculos partidistas, senón polo meu compromiso cos veciños de Ribeira".

"Se tivese dignidade, retiraría esta moción de censura", retrucoulle o aínda rexedor nacionalista Pérez Barral, quen agradeceu o apoio explícito da veciñanza, que lle dedicou voces de recoñecemento como "alcalde". Pérez Barral sinalou a candidata do PP e os concelleiros independentes "corruptores", os "rostros da traizón", Vicente Mariño, Herminia Pouso e Fernando Abraldes, quen "conseguiron unha moción de censura que non se sustenta en ningún motivo obxectivo e que se subscribiu baixo coaccións".

O líder do BNG en Ribeira situou a orixe da moción de censura no ascenso dos nacionalistas nas enquisas e no "contento" do municipio co  Goberno que colleu as rendas en xullo de 2023.

Na súa intervención, o voceiro do PBBI, Vicente Mariño, unha das máis increpadas polo público, negou a traizón do seu partido e acusou o BNG e de "incumprimento reiterado" do acordo de goberno. "Ribeira non é nacionalista", resumiu.

"Bochorno"

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e a deputada nacionalistas, Rosana Pérez, entre outros membros do BNG arrouparon Luís Pérez Barral no pleno de debate da moción de censura de Ribeira. 

Pola súa parte, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, censurou a "bochornosa" moción de censura de Ribeira, coa que o PP demostra o seu "nerviosismo" con respecto á evolución electoral dos nacionalistas. Pontón criticou as "presións" e "manobras escuras" que acompañaron a negociación do acordo para expulsar o BNG. Segundo recalcou, poñen de manifesto "o nerviosismo dun PP que quere facerse co poder sen ter en conta a máis mínima ética" nin a veciñanza, rematou.

Comentarios