Entrevista

Tania Redondo, ex concelleira de PBBI: "A Xunta ten intereses políticos na moción de censura en Ribeira"

A agora edil non adscrita considera que o PP presenta a moción ante a "boa xestión" do actual alcalde, Luís Pérez.
IMG_8166
Tania Redondo, esta quinta feira en Ribeira.

Tania Redondo é desde onte concelleira non adscrita no Concello de Ribeira (O Barbanza) após abandonar o Partido Barbanza Independente (PBBI) e reiterar o seu rexeitamento a facer parte dun Goberno encabezado polo PP. Nós Diario fala con ela apenas unhas horas antes de que este concello acolla un nutrido acto de repudio á moción de censura no que participaron o alcalde, Luís Pérez, e a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. Redondo, elixida nas urnas como candidata do PBBI, reivindicou o compromiso co "cambio" que levou a súa formación a entrar no Goberno local de Ribeira, un tripartito encabezado polo BNG co apoio do PSdeG. "Desde o meu partido insistimos en que nunca pactariamos co PP que estaba naquel momento no poder", dixo.

O partido polo que foi elixida (PBBI) negocia co PP unha mo-ción de censura contra o Goberno do que o PBBI fai parte. Nunca sospeitou nada?
Entereime despois de que pasase todo de que había reunións en concellos limítrofes co de Ribeira quincenalmente, reunións nas que se estaba a xestar todo isto [a moción de censura]. Eu estaba de vacacións fóra o 16 de setembro, que supostamente xa se ía facer unha moción de censura e non se fixo porque Herminia [Pouso, edil de PBBI] dixo que sen eu estar ela non ía asinar. De todo isto entereime despois.

Como se sentiu?
Traizoada, e non só politicamente, senón tamén persoalmente, que foi o que máis me afectou. Non o entendo, non me colle na cabeza. Nunca pensei verme nunha destas. 

Desde o PBBI non lle informaron do que estaban a facer?
Viñeron despois, a dicirme que [no novo Goberno] podería seguir cos mesmos cargos ou algún máis pero xa dixen que nin de broma.

Denunciou que houbo insultos e ameazas persoais cara vos-tede por parte da candidata do PP na moción.
Non só por ela [Mariola Sampedro], por todo o equipo político do PP, dos que estaban xa en 2023. Xa un día, hai tempo ao saír dun pleno por defender a Luís [Pérez, alcalde de Ribeira] xa me insultaron. Eu non pensei que ían facer unha guerra sucia.

Que cre que hai detrás desta moción de censura?
Pois que o Bloque subía e o PP perdería as próximas eleccións [municipais]. Luís [Pérez] está a facer unha boa xestión e iso dígoo independentemente da miña ideoloxía política. Estaba a facelo ben, aínda que teñamos discrepancias, hai que recoñecelo. Eu considero que estaba a facer o mellor para Ribeira. Na moción tamén hai intereses políticos da Xunta

—​A Xunta?
Claro, Ribeira é o marco de todo o Barbanza, téñenlle gañas. O PP gobernou aquí moitos anos. Ben se ve que teñen gañas. Van ser os veciños de Ribeira quen digan dentro de ano e medio se esta moción foi boa ou non para Ribeira. Eu o único que espero é que a xente teña memoria.

Como valora estes dous anos de Goberno municipal?
Eu creo que se demostrou que xuntos vogamos mellor por Ribeira. E ese foi o noso traballo, vogar polo ben de Ribeira.

Pasa ao grupo non adscrito.
Fágoo pola xente que confiou en min e na miña palabra, que creu no cambio nas eleccións municipais]e non lles vou fallar.

Comentarios