Pontón insiste en que a moción de Ribeira é "vergoñosa" e encomia Luís Pérez: "Volverá ser o grande alcalde que a localidade merece"
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, afirmou que a moción de censura en Ribeira (O Barbanza) é "vergoñosa" e "a constatación de que o Bloque estaba a facer un excelente traballo". Por este motivo, augurou o actual rexedor da localidade, Luís Pérez, "volverá ser o grande alcalde que a localidade merece".
Pontón participou nun acto de apoio a Pérez no municipio barbanzán, no que destacou o modelo de concello que sitúa ás persoas no centro posto en marcha polo Goberno municipal liderado polo BNG.
"Poderán frearnos, mais non deterán o camiño que comezamos; poderán quitarnos o Goberno cunha moción vergoñosa, mais non a razón, nin a vontade de seguir facendo de Ribeira un lugar mellor para a maioría", proclamou a líder da formación nacionalista galega.
Neste sentido, tamén remarcou a coraxe do rexedor para afrontar desigualdades, repensar espazos urbanos, preservar o medio ambiente ou dinamizar o ámbito cultural e na súa clara aposta por uns servizos públicos de calidade e polo mar non só como principal sector económico, senón como sinal de identidade.
Por iso, considerou que a "vergoñosa" moción impulsada polo presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, en Ribeira, é "un acto de desesperación e de pánico", xa que o PP é "perfectamente consciente da consolidación do Goberno municipal que lidera o BNG con Luís Pérez á cabeza" e de que os veciños e as veciñas "viron con feitos que hai outra maneira de gobernar, polo que non queren volver aos tempos escuros da dereita caciquil do PP".
Pontón remarcou que Ribeira "nin pode nin vai quedar á mercé de intereses partidistas", e reafirmou o compromiso da súa formación e do actual rexedor de seguir traballando con máis afán que nunca a favor do concello. "A moción de censura non vai truncar a esperanza e o orgullo de quen sabe que gobernar para a maioría sempre é máis digno que calquera interese oculto", concluíu.

