A concelleira de Ribeira Tania Redondo denuncia insultos e ataques persoais por parte da candidata do PP na moción de censura

A edil abandona o Partido Barbanza Independente e reiteira o seu rexeitamento a facer parte dun Goberno encabezado polo PP.
Tania Redondo anunciou esta quinta feira a súa renunica como concelleira do PBBI de Ribeira e o seu paso ao grupo non adscrito. (Foto: Nós Diario)
Tania Redondo anunciou esta quinta feira a súa renunica como concelleira do PBBI de Ribeira e o seu paso ao grupo non adscrito. (Foto: Nós Diario)

Tania Redondo, desde hoxe concelleira non adscrita no Concello de Ribeira, compareceu esta quinta feira para denunciar publicamente as coaccións do Partido Popular para forzar o seu apoio á moción de censura ao alcalde nacionalista do municipio, Luís Pérez Barral.

Redondo, elixida nas urnas como candidata do Partido Barbanza Independente (PBBI), reivindicou o compromiso co "cambio" que levou a súa formación a entrar no Goberno local de Ribeira, un tripartito encabezado polo BNG co apoio do PSdeG. "Desde o meu partido insistimos en que nunca pactariamos co goberno do PP que estaba naquel momento no poder", dixo.

A concelleira deu conta das dificultades que o novo Goberno atopou nos inicios do seu mandato, "unhas contas desastrosas e practicamente baleiras que, incluso, rozaban a ilegalidade e nos impedían traballar como nos gustaría". En dous anos de goberno describiu desacertos e discrepancias, máis por riba de todo "diálogo" cun "mesmo obxectivo", dixo, "solucionar e traballar xuntos polo ben do nos concello".

Moción de censura

Un obxectivo frustrado pola moción de censura presentada polo Partido popular o pasado 29 de setembro co apoio de tres edís do PBBI, unha moción "froito de meses de negociacións e reunións ás miñas costas, onde se xogaba o futuro de Ribeira sen transparencia nin lealdade por parte de tres compañeiros do meu partido", precisou.

Tania Redondo sae agora ao paso destes movementos para destapar o que ela denominou "efecto sorpresa", a "aparición" como "heroes"  dos mesmos "que nos puxeron pedras no camiño e que hoxe se presentan como salvadores dos mesmos problemas que eles crearon".

A concelleira apuntou directamente á candidata do PP na moción de censura, Mariola Sampedro, sen nomeala. "Unha señora que me faltou ao respecto publicamente con insultos cara a miña persoa".

Ataques persoais

Redondo apuntou ataques persoais doutros membros do PP de Ribeira, "xente que fai da política unha loita persoal, facéndome sufrir non só a min, senón a toda a xente que me rodea, xulgando o traballo da miña familia e poñéndoo en dúbida constantemente con ataques directos".

"Esta non é maneira de traballar", resumiu a concelleira antes de rexeitar "compartir goberno con estas persoas, por principio, e por respecto á miña familia e sobre todo por respecto a min mesma".

Tania Redondo rematou a súa comparecencia anunciando a súa renunica como concelleira do PBBI e o seu paso ao grupo non adscrito. "Nunca entrei no seu xogo de ataques persoais e non penso facelo agora. Nunca traballei así e non o farei no futuro", concluíu.

Comentarios