PP e PBBI alíanse en Ribeira para arrebatarlle a Alcaldía ao BNG

A iniciativa, rexistrada na mañá desta segunda feira, conta con 14 sinaturas e permitiría que Mariola Sampedro, portavoz do PP, se converta en alcaldesa do municipio. O pleno decorrerá o 13 de outubro.
Luís Pérez, no centro, con Suárez Puerta e Mariño de Bricio após o acordo que o levou á Alcaldía (Foto: Nós Diario).
Luís Pérez, no centro, con Suárez Puerta e Mariño de Bricio após o acordo que o levou á Alcaldía (Foto: Nós Diario).

Confirmouse o que levaba meses soando por Ribeira: o PP rexistrou na mañá desta segunda feira unha moción de censura contra o actual Goberno municipal, que até agora conformaban PBBI, BNG e PSdeG.

Precisamente, o escrito, presentado no rexistro municipal, leva a sinatura dos dez concelleiros populares e doutros catro edís do Partido Barbanza Independente (PBBI), a formación que lidera Vicente Mariño de Bricio, quen no seu día militara no PP. En concreto, acompañan Mariño nesta decisión integrantes do propio Goberno municipal: Herminia Pouso (tamén ex integrante do PP), Tania Redondo e Fernando Abraldes. Só o actual edil de Sanidade, Juan Luis Furóns, quedou á marxe.

O pleno da moción de censura foi convocado para o vindeiro 13 de outubro, ás 12 horas. De prosperar, Mariola Sampedro, voceira do PP, converteríase en alcaldesa de Ribeira, e o Partido Popular recuperaría a Alcaldía que perdeu nas urnas en 2023.

Mariño non confirmou oficialmente o seu respaldo, mais si convocou unha rolda de prensa para esta tarde na que explicará os motivos da decisión. Tamén Sampedro comparecerá publicamente para dar conta das razóns que levaron a presentar a moción.

Desde as eleccións de 2023, o Concello estaba gobernado por un tripartito integrado polo PBBI, co propio Mariño á fronte, o BNG, liderado por Luís Pérez Barral, e o PSdeG, con unha única acta.

Aquela alianza desprazara o PP, que malia ser a forza máis votada nas urnas, encabezada polo agora senador popular Manuel Ruiz Rivas, non conseguira os apoios suficientes para manter a Alcaldía.

Agora, coa nova correlación de forzas e a suma de apoios do PBBI, todo apunta a que o PP volverá ao Goberno municipal.

Operación "vergoñenta"

Para o alcalde, Luís Pérez Barral, esta é "unha operación vergoñenta e que que responde única e exclusivamente aos intereses partidistas e particulares de ambas as dúas formacións. Para nada responde aos intereses da veciñanza de Ribeira".

"Como alcalde, prodúceme vergoña allea, ver como o PP é capaz de calquera tipo de estratexia para tumbar a este alcalde e para acadar o goberno. Queren acabar cun goberno que funciona e que non tiña ningún tipo de problema", afirma o rexedor nun audio remitido aos medios de comunicación após ser coñecedor da moción de censura.

Comentarios