O debate da reforma sanitaria chega ao Parlamento galego a vindeira semana

O Parlamento galego acaba de autorizar a tramitación mediante vía de urxencia dunha proposición de lei, a iniciativa do PP, para modificar a lei galega de saúde, que prevé regular as medidas de prevención, limitacións e sancións vinculadas á pandemia do coronavirus. 
Xunta de portavoces do Parlamento desta terza feira. (Europa Press)
photo_camera Xunta de portavoces do Parlamento desta terza feira. (Foto: Europa Press)

O pleno da próxima semana –que se desenvolverá a cuarta e quinta feira polo festivo do día 8– acollerá o debate da iniciativa, que xa cumpriu os trámites previos, como é o informe de impacto de xénero ou o criterio do Goberno con respecto da proposta. 

Nel recóllese xa a a postura "favorable" do Executivo galego ao texto lexislativo.

O propio conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, fixo parte na presentación da proposta do grupo popular, cuxo prazo de aprobación final prevese para principios do ano que vén, coa vista posta en febreiro para a súa entrada en vigor.

Aínda que o debate cínguese aos grupos parlamentares, o Goberno pode solicitar a palabra para se posicionar respecto dunha lei que pretende cubrir o "baleiro" lexislativo intermedio entre a declaración do estado de alarma e a aplicación de restricións derivadas da situación da pandemia.

O texto que se vai a debater inclúe, entre outras, as medidas a adoptar polo Goberno galego en situación de pandemias, as sancións polo incumprimento da normativa, delimitando as competencias de cada Administración, ou a intervención das residencias de maiores para a que se propón unha redución da tramitación.

Coa normativa preténdese, en palabras do portavoz parlamentario popular, Pedro Puy, evitar o "uso excesivo" do estado de alarma para adoptar medidas contra a pandemia. Aos seus ollos, é preciso dotar de "seguridade xurídica" esta cuestión polo que agarda que a reforma da normativa galega "poida dar maiores niveis de certeza" con respecto ás medidas que se adopten e sen acudir aos tribunais.

"Estamos abertos a suxestións –sinalou hoxe Puy, dirixíndose aos grupos da oposición, que teñen amosado as súas reservas cara ao texto– pero a existencia desta norma é importante para loitar mellor contra a pandemia", sentenciou.

Comentarios