O PP pide transparencia no reparto de fondos mentres a Xunta non fai públicos os proxectos europeos

Miguel Tellado reclamou criterios de "transparencia e obxectividade" na repartición dos fondos de reconstrución procedentes da Unión Europea (UE) e cargou contra Pedro Sánchez por aínda non anunciar cales serán os criterios de valoración do Estado sobre os proxectos que presenten as comunidades.
Miguel Tellado reuniuse onte con parlamentares do PP galego (Foto: Europa Press)
photo_camera Miguel Tellado reuniuse onte con parlamentares do PP galego (Foto: Europa Press)

O secretario xeral do Partido Popular na Galiza, Miguel Tellado, reclamou esta cuarta feira, 28 de outubro, criterios de "transparencia e obxectividade" na repartición dos fondos de reconstrución procedentes da Unión Europea (UE) e cargou contra o presidente español, Pedro Sánchez, por aínda non anunciar cales serán os criterios de valoración do Estado sobre os proxectos que presenten as comunidades autónomas para captaren fondos.

Neste sentido, os populares reclaman ao Executivo estatal que "non impoña unha distribución opaca na repartición de fondos que favoreza os intereses do PSOE e desprece a comunidade galega".

Tellado reuniuse con senadores e deputados do PP galego, así como co europarlamentar Millán Mon, que compartiu cos demais dirixentes os "obxectivos" deses fondos como "coñecedor de primeira man", e iso, dixo, permitiu "constatar" que a "proposta da Xunta" para captar fondos europeos "é realista, perfectamente viábel e vai na liña das prioridades da Unión Europea".

Así se referiu aos 108 proxectos europeos que Núñez Feixoo enviou a pasada sexta feira a Pedro Sánchez. 

Lamentabelmente nin a prensa nin a oposición pode contrastar o dito por Millán Mon, pois as forzas da oposición pediron a documentación dos proxectos  sen éxito así como este xornal, sen recibir aínda resposta da Consellaría de Economía. O propio presidente Núñez Feixoo, preguntado por este medio, respondeu que non faría públicos os proxectos até que se coñezan os requisitos de valoración por parte do Estado e da UE. Con todo, o PP galego volta  pedir "transparencia". 

Comisión de reactivación

Tellado lembrou que na terza feira se aprobou o plan de traballo da comisión parlamentar para a reactivación económica e social da Galiza, un "mecanismo para dialogar entre todas as forzas políticas, para escoitar a sociedade civil" con case medio centenar de comparecencias xa o próximo mes de novembro", salientou. Porén, e a pesar da relevancia que formalmente todas as formacións dan a esa comisión, Alberto Núñez Feixoo non comparecerá nela, proposta que si figuraba na lista de nomes que o Bloque Nacionalista Galego pediu chamar para comparecer na comisión. 

O secretario xeral dos populares galegos tamén cargou contra a proposta de Orzamentos Xerais do Estado, asegurando que son "extremistas" e que van aumentar o gasto até "límites históricos".

Comentarios