O presidente da Xunta non comparecerá na comisión de reactivación da Galiza

Bota a andar a comisión para a reactivación económica, social e cultural da Galiza, após os grupos políticos acordaren os informes e comparecencias que se solicitarán. A pesar da gravidade da situación, o PP non apoiou a solicitude efectuada polo BNG para que o presidente da Xunta acuda á comisión. 
Núñez Feixoo e a popular Ana Pastor, coa Ceo de DomusVi, Josefina Fernández, nunha imaxe de arquivo.
photo_camera Núñez Feixoo e a popular Ana Pastor, coa Ceo de DomusVi, Josefina Fernández, nunha imaxe de arquivo.

A comisión para a reactivación económica, social e cultural da Galiza creada pola crise do coronavirus bota a andar coa aprobación do seu plan de traballo após a discusión entre as forzas políticas para pactar a documentación que se solicitara ás Administracións para o seu estudo e após acordarse a listaxe de persoas que serán chamadas a comparecer. 

Distintos referentes da sociedade acudirán a esta comisión para dar a súa visión desde o seu campo da situación e perspectivas de futuro. Mais quen non comparecerá nela será o presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, xa que os populares se negaron a incluír o seu nome na lista, tal e como demandaba o Bloque Nacionalista Galego. 

Acudirán pois representantes de sectores económicos afectados, dos colectivos sanitarios, da investigación e da ciencia, do  ámbito económico e do mundo académico, representantes dos municipios, das universidades e das organizacións sindicais, entre outros.

Así, estarán os secretarios xerais dos sindicatos CIG, CCOO e UXT, o Clúster de Turismo da Galiza, os reitores das tres universidades galegas, representantes da rede InvestiGal, catedráticos profesores universitarios como Edelmiro López ou o Fernando González Laxe (ex presidente da Xunta).

Comparecerán tamén o alcalde de Lalín, José Crespo (PP), o de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores (BNG), e o de Vigo, Abel Caballero (PSdeG). Do ámbito sanitario participarán da comisión representantes de colectivos como Enfermeiras en Loita, SOS Sanidade Pública ou o presidente da Sociedade de Urxencias e Emerxencias da Galiza, entre outros. 

BNG e PSdeG logran que responsábeis de empresas xeriátricas teñan que comparecer

A oposición fixo fincapé en que comparecesen na comisión representantes de sectores afectados pola crise que se viviu e agromou de novo nas residencias de maiores: familiares de usuarias e representantes do persoal. Mais a oposición tamén logrou que compareceran máximos responsábeis empresariais destes centros, beneficiados polo modelo privatizador da Xunta.

Ao Parlamento terán que acudir Josefina Fernández, CEO de DomusVi, e José Luís Gavela, presidente da Fundación San Rosendo

Así, ao Parlamento terán que acudir Josefina Fernández, CEO de DomusVi, corporación dun fondo voitre francés, propietaria de 29 centros na Galiza e xestora de residencias públicas da Xunta. Tamén comparecerá José Luís Gavela, presidente da Fundación San Rosendo, segundo operador de servizos de xeriatría na Galiza, próximo ao PP e cuxo fundador, o cura Benigno Moure, foi condenado por estafar unha residente con alzhéimer. 

Caballero pide máis tempo 

Todas as comparecencias teñen previsto producirse no mes de novembro, xa que en xaneiro, o máis tardar, os traballos da comisión han de finalizar -non así a elaboración das conclusións-.

A ese respecto pronunciouse o líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, no seo da comisión. O socialista puxo o foco na importancia de estender a vixencia da comisión máis alá de xaneiro, "xa que o prazo pactado por PP e BNG remata antes de que cheguen os fondos da UE", dixo. 

Pontón urxe a mudar o modelo para saír da crise

Para a xefa da oposición e portavoz do BNG, Ana Pontón, é esencial desenvolver un novo modelo económico e social asentado en tres eixos: reforzo dos servizos públicos, aposta pola economía verde e fortalecer a capacidade produtiva do país. “A Covid-19 está a pór en evidencia que para superala é necesario a intervención pública na economía, servizos públicos e fortalecer os dereitos sociais. Non podemos permitir que o medo ou o 'sálvese quen poida' triunfen”, advertiu. 

Nese sentido, ao contrario que Caballero, prefire apremiar os prazos, sostendo que a comisión debe traballar "sen perder tempo porque as persoas que se atopan no paro, en ERTE, as autónomas ou a mocidade que se enfronta a unha segunda crise non poden esperar a solucións dentro dun ano”. 

Puy, con pouca ambición

"Cremos que o obxectivo desta comisión non debe ser tan ambicioso como para mudar o mundo e converter esta comisión no que non é", retrucou a Ana Pontón o portavoz parlamentar do PP, Pedro Puy. 

Quen si comparecerán a proposta dos populares na comisión serán o vicepresidente segundo do Goberno e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, e o director xeral de Planificación Orzamentos, Miguel Corgos. 

Estado de alarma

Pontón criticou que Feixoo considerase "demoledor" o estado de alarma e non fixese o mesmo cos 374 falecementos pola Covid-19 nos xeriátricos, os cales volven  ser zona cero da pandemia. Mais alén do estado de alarma, que “por si só non vai frear a pandemia”, dixo Pontón, a nacionalista  instou Feixoo a adoptar as decisións políticas "que lle corresponden como presidente para combater o virus: reforzar a Atención Primaria, desenvolver un plan de rastrexadores e blindar as residencias cunha intervención pública".  

Sobre o estado de alarma Caballero pediu a Feixoo que “deixe de estar agochado” e apoie a medida para loitar contra o virus.

Comentarios