O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, reuniuse co presidente da Deputación, José Manuel Baltar, para analizar temas de cooperación entre ambas as institucións.
Así o fixo saber o ente provincial a través dun comunicado en que asegura que a reunión se enmarca "no ámbito da colaboración entre o Goberno provincial e o da capital ourensá para temas referidos a infraestruturas, servizos e proxectos compartidos que se levaron a cabo e se seguen desenvolvendo".
Non obstante, ningunha das dúas institucións aclarou cales foron exactamente as temáticas a tratar. A xuntanza produciuse dous días despois de que Pérez Jácome manifestase que a Xunta "está a enterrar" o termalismo da cidade.
Tamén Baltar defendeu hai uns días que se estaba a valorar "a posibilidade de realizar un balneario termal no propio edificio do Pazo Provincial pola súa boa localización".
Ademais, esta mesma o presidente da Deputación afirmou que o socialista Rafa Villarino ─candidato máis votado nas eleccións municipais do 2019─ sería "peor alcalde para Ourense do que é Gonzalo Pérez Jácome".
Novo bipartito
Non obstante, nunha entrevista concedida ao xornal coruñés La Voz de Galicia, abría de novo a porta a un bipartito Partido Popular-Democracia Ourensá.
En 2019 Pérez Jácome fíxose coa alcaldía da terceira cidade galega co apoio do PP, nun pacto polo que o líder de DO chegaba á Casa Consistorial e o popular Manuel Baltar mantiña a presidencia da Deputación para o que necesitaba o apoio de DO.