O PP dubida de que a rede de hidróxeno poida chegar a Guitiriz

Os socialistas aseguran a construción do hidroduto.
O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, esta cuarta feira en Poio (Foto: David Cabezón / Xunta).
photo_camera O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, esta cuarta feira en Poio (Foto: David Cabezón / Xunta).

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, considerou esta cuarta feira "indignante" que o tramo Zamora-Guitiriz da rede de hidróxeno verde quedara fóra na listaxe de Bruxelas de Proxectos de Interese Común (PCI) que poderán optar a financiamento comunitario. Ao respecto, asegurou que buscará solucións.

A Asociación Galega do Hidróxeno (AGH2) tamén mostrou a súa "preocupación" pola exclusión do tramo Guitiriz-Zamora dos PCI, xa que temen que provoque a súa paralización e que isto implique que a Galiza sexa "unha illa enerxética no transporte de hidróxeno". Tamén se manifestou a confederación de empresarios da Galiza (CEG), que exixiu "compromiso" ao Goberno do Estado español se Bruxelas non financia o tramo Zamora-Guitiriz.

Pola contra, o delegado do Goberno estatal na Galiza, Pedro Branco, rexeitou que o tramo Guitiriz-Zamora quede fóra das axudas do hidróxeno verde, ante as preguntas dos xornalistas a respecto desta cuestión. "Non vai quedar fóra de nada, o que se levou ao Parlamento [Europeo] é un catálogo de infraestruturas e empresas, hai un erro de base", concluíu Branco.

Enagás tamén asegurou que o desenvolvemento de proxectos como este está nas súas "previsións" e mostrou "o convencemento de que é un hidroduto moi relevante, clave para conectar a Galiza co resto da rede estatal e apontoar o que será o hub enerxético do noroeste".

Pola súa parte, o eurodeputado do PSdeG Nicolás González Casares lembrou "o compromiso" entre Enagás e Reganosa para construír o hidroduto entre Zamora e Guitiriz, á vez que acusou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de "tentar tapar a súa propia incompetencia".

O eurodeputado do PSdeG denunciou que Rueda "non se decata do que pasa en Bruxelas, non ten capacidade de negociación nin ningún poder, ningunha influencia". Ademais, segundo o socialista, Rueda "sabe que o hidroduto Guitiriz-Zamora vai ser construído por Enagás e que Reganosa lle cedeu a súa posición como promotor".

Comentarios