Cambios políticos

O PP e dous edís díscolos do PSOE apean o BNG da Alcaldía de Viana

O ex socialista Abelardo Carballo liderará o novo Goberno local. Esta decisión chega após de arrebatar o posto ao nacionalista Secundino Fernández, que censura esta “traizón”. O PSOE apunta a Baltar como dirixente da estratexia

bng viana
photo_camera O BNG de Viana denunciou hai semanas a situación no Concello (Foto: BNG)

O ex socialista Abelardo Carballo convertiuse nesta terza feira no novo rexedor do concello de Viana do Bolo, ao saír adiante unha moción de censura presentada polos catro concelleiros do Partido Popular e dous edís díscolos do PSOE (entre eles o agora rexedor) para arrebatar ao nacionalista Secundino Fernández o posto.

O acordo entre os que foran concelleiros socialistas Abelardo Carballo e Santiago Barja, que pasan ao grupo de non adscritos ao abandonar o partido, e os populares inclúe un reparto de tempos á fronte da Alcaldía durante os tres anos que restan de mandato. Carballo gobernará durante ano e medio para despois darlle a quenda ao voceiro do PP, Andrés Montesinos, quen permanecerá no cargo até as seguintes elección municipais.

O representante do BNG, Secundino Fernández, criticou esta operación porque foi levada a cabo por "persoas que traizoan aos seus votantes". Así se manifestou ao saír dun pleno que bota por terra o seu traballo desde os comicios.

O nacionalista reprobou esta estratexia porque con ela "venden o voto que lles deron os veciños". Neste sentido, lamentou a alianza co PP " ue perdeu as eleccións dúas veces seguidas mesmo baixando cada vez máis en votos".

As eleccións municipais de 2019 colocaron ao PP como primeira forza de Viana do Bolo con catro concelleiros, os mesmos que o BNG, que conseguiu gobernar desde o inicio do mandato grazas aos tres conseguidos polo PSOE. A voceira da formación, María Páez, será a única que represente a este partido no pleno do municipio.

Pancartas e un escrito

O acaecido onte na vila xa se viña anunciando hai tempo. A presión dos nacionalistas nos últimos días, con pancartas, publicacións en redes sociais e mesmo a presentación dun escrito non tiveron efecto para frear a moción que se cociñaba desde o mes de xuño.  

Fernández insistiu en que "a poboación de Viana non quería que sucedese isto" e fixo mención ao documento asinado a semana pasada por 35 pedáneos, que "representan máis do 80% dos núcleos de poboación", no que "rexeitaban” a estratexia para darlle un cambio de cor á Alcaldía.

"A xente estaba totalmente en desacordo porque realmente non é o que votaron, era manipular e vender a vontade do pobo de Viana", lamentou o xa ex alcalde nacionalista.

Andrés Montesinos (PP): "Son uns ditadores"

No decorrer do pleno, o portavoz municipal do PP, Andrés Montesinos cualificou aos nacionalistas de "ditadores" e afirmou que "o demostraron coa súa mala educación, pondo carteis e demais".

O popular dixo estar "moi satisfeito de poder quitar" a Secundino Fernández e aclarou que o compromiso dos ex socialistas e os populares é o de "levar Viana adiante e gobernar entre os dous grupos".

O PSOE apunta a Baltar

Pola súa banda, a dirección do PSOE fixo público a través das redes sociais o seu apoio á única edil socialista que votou en contra desta moción, María Páez.

Dela destacou que é unha voceira "con moita dignidade que non se corrompeu ante os caciques" como "si fixeron os dous tránsfugas indignos" nunha "moción orquestrada por Manuel Baltar". O presidente do PP de Ourense e da Deputación é o protagonista ao que apuntan nestes días todos os concellos metidos en leas e disputas políticas.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios