Parlamento

O PP di non a un plan urxente para facer fronte á mingua marisqueira nas rías galegas

A Cámara pide a defensa da frota galega ante a UE.
pesca 1
photo_camera Comisión de Pesca e Marisqueo no Parlamento (Foto: Parlamento da Galiza)

A mingua da produción marisqueira nas rías galegas rexistra niveis alarmantes. cunha mortaldade de ameixa e berberecho que ameaza a campaña de Nadal, fulcral para un sector, o marisqueiro, que suma miles de empregos na Galiza.

Neste escenario, o PSdeG presentou esta terza feira na comisión de Pesca do Parlamento unha proposición non de lei, que tivo o apoio do BNG, na que se solicitaba activar un "plan urxente" de investimento na mellora da produción marisqueira; abrir unha liña permanente de axudas ao sector; e analizar a posibilidade dun paro subvencionado de longa duración. O PP votou en contra da iniciativa, impedindo así a súa aprobación.

Non foi esta a única referencia á preocupante situación do marisqueo na comisión desta terza feira. A deputada nacionalista Rosana Pérez criticou a "demora"  da Xunta para facerlle fronte á perda de produtividade das rías  galegas nunha pregunta formulada á directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Consellaría do Mar, Susana Rodríguez. A parlamentaria do BNG subliñou a necesidade de dispor de “accións e actuacións investigadoras” que boten luz sobre as causas que están a provocar unha “continua e, nestes momentos moi preocupante xa, perda de produción das rías galegas”. 

Unanimidade

A comisión aprobou por unanimidade dúas propostas. Unha delas, impulsada polo PP, instaba aXunta da Galiza a dirixirse ao Goberno do Estado para que "realice as xestións necesarias ante as autoridades europeas e internacionais, cos fin de evitar o bloqueo da comercialización de exemplares de quenlla, legalmente capturados que daría lugar a un gran impacto socioeconómico global".

A outra proposta, presentada polo BNG, reclamaba a defensa da frota galega no reparto das cotas de pesca na UE. A iniciativa nacionalista demandou ao Goberno do Estado que avance nas axudas á frota afectada e á Xunta que elabore un plan propio complementario.

Comentarios