23-X

Pontón chama á "mobilización masiva" da mocidade e pide votar "coa cabeza e o corazón na Galiza"

"O BNG non lle vai fallar á mocidade, imos estar á vosa a altura", afirmou a líder nacionalista.
'Selfie' de Ana Pontón coas e cos asistentes ao acto do BNG deste sábado en Pontevedra. (Foto: Nós Diario)
photo_camera 'Selfie' de Ana Pontón coas e cos asistentes ao acto do BNG deste sábado en Pontevedra. (Foto: Nós Diario)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, participou este sábado nun acto organizado en Pontevedra por Galiza Nova, a organización xuvenil ligada ao Bloque, para apelar á "mobilización masiva" o próximo 23 de xullo da xente máis nova, co obxectivo de encher as urnas de votos ao BNG e "construír unha Galiza libre da precariedade e da emigración que impón a dereita".

"Por tanto, sabemos que este 23 de xullo a mocidade galega, a xente nova que vive neste país, xógase moito. E, por iso, quérolle pedir á xente nova deste país que vote coa cabeza e o corazón na Galiza e que pelexe por un futuro mellor e por que aquí teñamos oportunidades", proclamou na súa intervención.

Pontón, que no acto estivo acompañada das candidatas número un ao Congreso polas circunscricións de Pontevedra, Carme da Silva, e Lugo, Daniel Castro, chamou a votar en chave nacionalista co fin de lograr "servizos públicos de calidade" e "por unha política de vivenda que poña no centro as necesidades da xente nova".

Intervención de Ana Pontón no acto organizado por Galiza Nova en Pontevedra. (Foto: Nós Diario)
Intervención de Ana Pontón no acto organizado por Galiza Nova en Pontevedra. (Foto: Nós Diario)

"Iso é o que queremos ir defender a Madrid desde o BNG. Para iso, queremos un grupo galego forte, para darlle futuro á mocidade aquí", salientou Pontón. Por iso, a portavoz nacional do BNG lembrou que ese é o "reto" das próximas eleccións xerais do 23 de xullo.

E ese, reiterou, "é o reto ao que chamamos aos mozos, a encher as urnas de papeletas do BNG para ter futuro na Galiza, porque tamén vos podo dicir que o BNG non lle vai fallar á mocidade, imos estar á vosa a altura", sentenciou Pontón.

No evento tamén interviron a secretaria xeral de Galiza Nova e número cinco ao Congreso por Pontevedra, Marta Gómez, e o responsábel nacional de Organización do sindicato estudantil Erguer e número catro na lista por Ourense á Cámara baixa, Artai Gavilanes.

Pola súa parte, Carme da Silva destacou que "para o BNG a mocidade non é un simple caladoiro de votos, senón parte activa do cambio", ao tempo que fixo un chamamento a cambiar a idea de que a xente nova é só futuro. "É o presente do país", recalcou. 

En materia de educación  Da Silva defendeu a transferencia da xestión das bolsas para a súa xestión directa desde Galiza. No que se refire á vivenda, avogou por unha acción pública contundente que neutralice a especulación do mercado e reclamou o traspaso dos inmóbeis da Sareb para incorporalos á unha bolsa pública de alugueiro.

O emprego foi o terceiro bloque no que incidiu a candidata, que anticipou que o Bloque defenderá en Madrid axudas directas para a incorporación ao sector primario, e actuacións para o retorno da xente moza emigrada, en particular para recuperar "o talento científico e investigado emigrado".

Comentarios