Pontón sitúa o BNG como garantía contra a involución democrática

A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, e o candidato da formación ao Congreso dos Deputados, Néstor Rego, participaron na maña de onte nun acto sobre memoria histórica deomocrática no Campo da Rata da Coruña.

BNG ruña
photo_camera Pontón e Rego canda outros membros do BNG na Coruña. (Foto: BNG).

A dirixente nacionalista, presentou a súa formación como “garantía contra a involución democrática dun PP que quere enterrar a memoria histórica”.

Pontón afirmou que “nestes últimos anos avanzamos dende o punto de vista legal pero cremos que aínda falta a valentía, e sobre todo, falta a decisión política que permita que as leis que hai no Estado español realmente amparen ás vítimas para facer xustiza”.

Nesa liña, apostou por “acabar coa impunidade dos crimes franquistas” e amosou a  disposición da súa organización a “traballar para que a seguinte lexislatura realmente sexa unha lexislatura na que se faga xustiza coas vítimas do franquismo e na que haxa reparación, algo fundamental para evitar a repetición”.

A portavoz do BNG asegurou que “desde o BNG observamos con moita preocupación esa deriva que está tomando o PP tamén en Galiza, abrazando cada vez máis discursos extremistas”.

Nese sentido, indicou que “no Bloque queremos un país que faga xustiza coa súa historia e con esas persoas que deron a súa vida simplemente por defender a liberdade e as súas ideas democráticas”.

A este respecto, destacou que “o BNG vai ser determinante e unha voz clara para seguir avanzando en dereitos democráticos, e, sobre todo, para que se faga xustiza con esa xeración á que tanto lle debemos”.

O candidato do BNG ao Congreso pola circunscrición da Coruña, Néstor Rego, explicou que "o BNG defendeu a derrogación de artigos na Lei de Amnistía para permitir investigar os crimes do franquismo e pór fin á impunidade e forzas como o PSOE e Unidas Podemos votaron en contra e isto ten as súas consecuencias".

Nesa orientación, cualificou a  Lei de Memoria Democrática de "claramente insuficiente" e puxo como exemplo o arquivo da querela presentada polos familiares de Moncho Reboiras.

Rego rematou afirmando que "o BNG vai continuar traballando para a restitución da memoria democrática, como fixemos presentando unha emenda para a devolución dos bens incautados pola familia Franco, como o caso da Casa Cornide na Coruña”.

Máis en POLÍTICA
Comentarios