Pontón proclama en Bonaval a necesidade dun status de nación fronte a un centralismo "letal para a Galiza"

A portavoz nacional do BNG afirma que a constitución española "está esgotada" e blinda “privilexios centralistas”, para alén de manter “unha institución como a monarquía, anacrónica e antidemocrática”

6f4e6c90-235b-4aad-9710-5a51f0867274 (1)
photo_camera Membros da Executiva e do grupo parlamentario do BNG (Foto: Nós Diario)

O BNG defendeu este 6 de decembro, data na que en 1931 se fundou o Partido Galeguista, a necesidade de dotar a Galiza dun status de nación. Fíxoo nun acto  no Panteón de Galegas e Galegos ilustres en Bonaval (Compostela), onde a portavoz nacional, Ana Pontón, afirmou que este lugar confirma a historia propia de Galiza e a dun   nacionalismo que  foi e segue sendo un “acelerador de mudanzas, un motor de modernización e transformación do noso país”.

A fronte daquel proceso emancipatorio, explicou,  estaban persoas como Bóveda e Castelao. “A eles e a todas as mulleres e homes que deron o mellor de si por defender os dereitos nacionais e o benestar material das galegas e dos galegos rendemos hoxe tributo”, indicou.

Dende o BNG, engadiu Pontón, “celebramos esa Galiza viva e vizosa e ese galeguismo que xurdiu hai 92 anos”, mentres que outros conmemoren un marco constitucional “superado, que blinda privilexios centralistas  e mantén unha institución anacrónica e antidemocrática como a monarquía, unha constitución esgotada, que nos limita como pobo, frea as nosas capacidades e pon trabas ao noso desenvolvemento e benestar”.

“Un centralismo letal para a Galiza”

Pontón afirmou que ao  longo destas máis de catro décadas, constatouse como “a Galiza perdía posicións, peso económico, cohesión territorial e vitalidade demográfica”, e non hai unha única causa, puntualizou pero resulta evidente  que unha delas é “ese centralismo madrileño que sacraliza a constitución. Un centralismo que é letal para Galiza.”

Hoxe proclamamos desde Bonaval que cómpre mudar ese deseño centralista, compartido polas forzas estatais e as súas sucursais, para abrir un tempo novo para o noso país”, recalcou a líder do BNG.

No acto realizado en Bonaval, Pontón insistiu na necesidade de  “avanzar para que as decisións máis relevantes estean en mans da cidadanía galega, queremos gañar capacidade de decisión, avanzar no recoñecemento do carácter plurinacional, plurilingüe e pluricultural do Estado español.” E queremos, proseguiu, avanzar “nun status político de nación” porque non podemos permitir quedar a un só paso por detrás das outras nacións históricas,  “non somos máis que ninguén, pero tampouco menos” recalcou.

Transferencia de competencias

Nesta liña, avogou pola transferencia  das competencias pendentes, despois de 40 anos e anunciou que  os  galegos e galegas “poden ter a seguridade de que o BNG vai traballar para conseguilo, con diálogo pero con toda a firmeza”.

Queremos para Galiza, dixo, o “status político de nación”, con capacidade para decidir libremente sobre aquelas cuestións que afectan ao día a día dos galegos e das galegas, para gañar máis benestar, máis oportunidades, máis igualdade e un mellor futuro.

Mentres o BNG traballa en positivo con acordos que melloran a vida das persoas, dixo Pontón, “o señor Rueda dedícase a pór paus nas rodas, porque cando se trata de escoller entre Galiza ou  o PP sempre “se pon de lado dos seus xefes de Madrid”. “O servilismo de Rueda é tal  que mesmo permite que a convocatoria das eleccións galegas a decidan nun despacho da rúa Génova en función da súa estratexia partidista do PP”.

O BNG, “preparado para dirixir a Galiza”

Sexan cando sexan as eleccións, reiterou Pontón  “o BNG está preparado, conscientes de que estamos ante a cita coas urnas máis importante das últimas décadas, conscientes de que o cambio galego que lidera o BNG está aquí e é imparable”.

“As próximas eleccións galegas son unha oportunidade para abrir un tempo novo e darlle a este País a primeira presidenta coas mans libres, porque a min ninguén me vai poñer límites desde Madrid.”

Desde o BNG, afirmou Ana Pontón  “apostamos por abrir unha tempo novo en Galiza e quero dicirlles aos galegos e galegas que aquí hai sitio para todas e todos, independentemente da súa procedencia, da súa idade, do seu xénero, ou do que votasen no pasado”.

Comentarios