Pontón propón iniciar un debate para dar á Galiza status de nación

A líder do BNG anuncia unha estratexia en dous ámbitos: por un lado, reclamar todas as competencias pendentes e por outro abrir un diálogo para dar á Galiza un novo status políticos de nación.
Ana Pontón, xunto a parlamentares e militantes do BNG.
photo_camera Ana Pontón, xunto a parlamentares e militantes do BNG.

A Praza do Obradoiro da capital galega foi o lugar escollido polo BNG para conmemorar e reivindicar os dereitos nacionais da Galiza con motivo do 85 aniversario do Estatuto de 1936, nunha data en que tamén se reivindicou o Día do Orgullo LGTBI, "dúas caras da mesma moeda, pois simbolizan a defensa da liberdade, da democracia e dos dereitos individuais e colectivos”, subliñou a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón.

Destacou que o nacionalismo galego é “un movemento político forte, cohesionado e en expansión, con vontade de ser maioría e de dirixir o futuro da Galiza”. Fronte a un “autogoberno degradado que converte a Presidencia do país nunha institución teledirixida, correa de transmisión das empresas do Ibex 35 e da axenda reaccionaria da extrema dereita”, o Bloque defende “unha Galiza máis forte, con capacidade para tomar as decisións en función dos intereses do país”.

Con ese obxectivo, a líder do BNG anunciou unha estratexia en dous ámbitos: por un lado, reclamar todas as competencias pendentes e por outro abrir un diálogo para dar á Galiza un novo status políticos de nación.

“Corenta anos despois é tempo de que cumpran a lei e transfiran á Galiza todas as competencias pendentes en máis de 70 ámbitos, desde a AP-9 até a conca do Miño-Sil, desde a xestión do dominio marítimo terrestre e ordenación do litoral até os portos, aeroportos, inspección de traballo, tráfico ou a determinación do réxime local da Galiza”, enumerou a modo de exemplos.

Mais o actual Estatuto xa é “un traxe do século pasado que queda pequeno”, alegou. Por iso, unha das primeiras iniciativas que o Bloque levará ao vindeiro período de sesións será a proposta formal de abrir o debate, "sereno e con diálogo", sobre un novo status político que recoñeza Galiza como nación "e avance en capacidade real de decisión en favor das galegas e galegos".

"Non podemos permitir que Galiza queda atrás [respecto a Euskadi e Catalunya], relegada a unha mera rexión”, advertiu a líder nacionalista. 

comentarios