O Panteón de galegas e galegos ilustres xa é símbolo nacional da Galiza

O último pleno do Parlamento galego previo ao parón estival de agosto certificou a aprobación por unanimidade dos tres grupos con representación no Hórreo -PP, BNG e PSdeG- da lei que saca do limbo xurídico o Panteón de galegas e galegos ilustres, que será xestionado por unha fundación na cal terá un papel central o Parlamento e identificarase como símbolo da Galiza.
Representantes públicos ante o Parlamento galego (Foto: Parlamento da Galiza).
photo_camera Representantes públicos ante o Parlamento galego (Foto: Parlamento da Galiza).

O último pleno do Parlamento galego previo ao parón estival de agosto certificou a aprobación por unanimidade dos tres grupos con representación no Hórreo -PP, BNG e PSdeG- da lei que saca do limbo xurídico o Panteón de galegas e galegos ilustres, que será xestionado por unha fundación na cal terá un papel central o Parlamento e identificarase como símbolo da Galiza.

Esta sesión extraordinaria serviu tamén para a “despedida” do até o de agora portavoz parlamentario do PP, Pedro Pui, e do ex conselleiro Francisco Conde, que terán que renunciar ás súas actas para recoller as de deputados no Congreso en Madrid.

Pero, ademais, ratificou a aprobación da norma consensuada para o Panteón de galegas e galegos ilustres, que, en palabras de Pui, naceu impulsado "polo fervor galeguista que prendera e asolagaba a finais do século XIX as rúas de Compostela e outras cidades galegas, e que, desde entón, foi lugar de encontro e recollemento dos anhelos do galeguismo, con independencia do réxime político do momento".

Pui aludiu ao consenso das forzas políticas para aprobar esta lei que recoñece o Panteón como un símbolo e dá pé a crear unha fundación que o xestione dotando o espazo de respaldo legal e xurídico. E apelou á mesma vocación de acordo para avanzar nas tarefas pendentes, citando, entre outras, a constitución da fundación.

"Paso necesario pero non suficiente"

No diálogo incidiu tamén a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, quen apuntou que coa norma se resolven algunhas das cuestións derivadas da sentenza de 2006 pola que San Domingos de Bonaval pasaba a mans da igrexa, incluíndo a titularidade do panteón, "un espazo civil no que lembrar digna e colectivamente algunhas das personalidades máis relevantes" do país.

"Esta lei permite pasar páxina, por fin, da actitude timorata que até o de agora tivo o Goberno galego", esgrimiu a dirixente nacionalista, quen sostén que é un paso "necesario" pero "non suficiente" para "garantir a mellor xestión, difusión e posta en valor" do Panteón.

De aí a súa demanda de que se dote á fundación que o xestionará dos recursos económicos suficientes para, por exemplo, acometer as necesarias obras de rehabilitación e conservación. Pero recoñeceu os avances de que se outorgue ao Panteón "a categoría de símbolo nacional" -igual que o himno, a bandeira e o escudo- e a relevancia dunha nova nomenclatura "que acaba coa invisibilidade das mulleres".

"Alongouse demasiado"

Pola súa parte, o portavoz parlamentario socialista, Luis Álvarez, destacou a relevancia do consenso para un proceso que, recoñeceu, "alongouse demasiado no tempo" e que permitirá que "todos os axentes involucrados estean presentes na toma de decisións", pero sendo o Parlamento o que xogue "un papel central na xestión" do Panteón como propuxo en 2022 o Consello da Cultura Galega da man de Ramón Villares.

Álvarez incidiu na importancia de garantir a apertura do Panteón ao público e a difusión e fomento das visitas e da organización de actos de recoñecemento ás persoas enterradas nel. E finalizou cun chamamento para seguir pola vía do consenso e do diálogo para "afrontar os retos dos novos tempos".

Ao termo dunha sesión que o presidente do Parlamento da Galiza, Miguel Santalices, definiu como "histórica", realizouse unha fotografía de familia na escalinata exterior do Pazo do Hórreo.

"Símbolo da identidade galega"

A exposición de motivos da lei sobre o Panteón de galegas e galegos ilustres lembra que o Consello da Cultura, de acordo cos padroados das fundacións que honran a memoria das ilustres persoas enterradas en San Domingos de Bonaval, elaboraron e fixeron chegar á Cámara galega, despois do centenario do traslado dos restos mortais de Rosalía, unha proposta para a regulación do Panteón.

Tamén indica que o acordo ten como obxectivo que o Panteón desempeñe un papel vivo e activo como lugar de encontro, aprendizaxe e alento do sentir da comunidade dos galegos e galegas dentro e fóra do país.

"Por estes motivos, o Parlamento da Galiza recoñece a través desta Lei o Panteón de Galegas e Galegos Ilustres como un elemento singular da nosa identidade, procedendo a sentar os principios que regularán a súa xestión, uso e conservación", sinala o texto que configura a este espazo como "un símbolo da identidade da Galiza encargado de honrar a persoas e a feitos que representan a continuidade da singular personalidade como pobo da Galiza”.

O texto subliña a necesidade da participación das institucións, tanto públicas como privadas, máis representativas do conxunto do país e da súa cultura. Ademais, indica que a forma elixida para institucionalizar o Panteón é a da Fundación pública galega, que garante, polo seu carácter público e vínculo ao Parlamento, a súa continuidade no tempo, a súa sustentabilidade económica e o seu carácter de símbolo compartido, á marxe de ningunha outra condición que a común pertenza ao pobo galego.

No seu artigo dous, ademais, sublíñase que se honrará as galegas e galegos que se distinguiron ao longo da súa vida polos servizos prestados ao país, particularmente na defensa dos valores compartidos polo pobo galego; na reivindicación da cultura, da lingua e da personalidade histórica da Galiza; na contribución ao coñecemento científico, desenvolvemento das ciencias humanas, sociais, naturais de saúde ou tecnolóxicas; e na creación artística e literaria.

Con todo, o texto inclúe unha disposición adicional primeira na cal se subliña que, tendo en conta o carácter histórico do Panteón situado na igrexa de San Domingos de Bonaval, non se realizarán novos enterros no mesmo, sen prexuízo do disposto no articulo dous. Deste modo, limítanse os futuros enterros a aqueles supostos nos que haxa un consenso unánime.

O Padroado da Fundación

Para preservar o carácter institucional, a iniciativa predetermina no seu artigo catro a composición do padroado da Fundación, que estará integrado por oito membros, que representan os poderes lexislativo e executivo do país e os titulares patrimoniais dos espazos que conformarán o Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, todos eles presididos pola persoa titular da Presidencia do Parlamento.

Ademais, para garantir que se manteñan no tempo os consensos que inspiran e levan á aprobación desta lei, estabelécense maiorías cualificadas no padroado para a aprobación das normas esenciais de funcionamento en relación cos usos do Panteón. Para facilitar a participación na Fundación, o artigo sete crea unha ampla Comisión Asesora aberta a novas incorporacións temporais ou definitivas.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios