A Deputación de Pontevedra adiántase á lei de residuos

Os concellos deberán inspeccionar e controlar os residuos de acordo coa nova lei de Residuos e Solos Contaminados para a Economía Circular.
Recollida selectiva de residuos en Pontevedra (Foto: pontevedra.gal)
photo_camera Recollida selectiva de residuos en Pontevedra (Foto: pontevdra.gal)

A Deputación de Pontevedra habilitará unha liña de axudas económicas orientada aos concellos para facilitar a adaptación dos servizos municipais á nova lei de residuos.

Así o anunciou o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosqueira, quen informou que a próxima cuarta feira se reunirá con representantes dos concellos para "falar da situación actual dos residuos municipais e das perspectivas que hai".

Segundo explicou o propio vicepresidente da Deputación, o actual marco normativo nesta área vai mudar unha vez que entre en vigor a lei de Residuos e Solos Contaminados para a Economía Circular, que se encontra nestes momentos en tramitación no Senado español.

Revolución no mundo dos residuos

"Supón unha auténtica revolución no mundo dos residuos, unha mudanza de paradigma total e absoluta", asegurou Mosqueira. Desde a Deputación de Pontevedra procuran lograr un tratamento dos residuos máis respectuoso co medio, xa que a estratexia seguida até agora "demostrou que non se lograron os obxectivos".

As exixencias aos concellos no novo marco normativo serán de "resultados e obrigatoriedade", isto significa que os concellos serán obrigados a recolleren de forma separada todo o lixo así como a separaren os colectores en orixe.  "A nova normativa tamén impón que se deben ter inspeccións e control dos residuos", algo que, até o de agora "non acontecía", segundo manifestou Mosqueira.

Axudas aos concellos

A Deputación de Pontevedra vai "pór todos os seus esforzos e colaboración" cos municipios para que poidan cumprir coa nova lei.
Entre outras cuestións, ofrecerase aos concellos que non poidan realizar estas tarefas de inspección que "deleguen esa facultade" na propia Deputación, anunciou Mosqueira.

Comentarios