O BNG defende unha "rexeneración integral" da ría de Vigo

Pontón sostén que a cidade olívica sexa referente na preservación do medio ambiente.

Alexandra Fernández, Ana Pontón, Xabier P. Igrexas, Filipe Abalde e Elsa Quintas. (Foto Nós Diario)
photo_camera Alexandra Fernández, Ana Pontón, Xabier P. Igrexas, Filipe Abalde e Elsa Quintas. (Foto Nós Diario)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, defendeu esta quinta feira en Vigo unha "rexeneración integral" da ría de Vigo e unha aposta pola sustentabilidade ambiental e a loita contra o cambio climático.

Así o sinalou durante a súa intervención nun encontro con colectivos ecoloxistas e medioambientais, acompañada polo portavoz da formación na cidade e candidato á Alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas.

No acto expuxo o modelo municipal do BNG, que ten como "sinais de identidade" a sustentabilidade, o coidado do medioambiente, a loita contra o cambio climático e a preservación da biodiversidade.

“No BNG queremos unha transición xusta e democrática, corresponsábel desde o punto de vista do impacto no territorio", reivindicou Pontón, criticando o "espolio eólico" que, ao seu xuízo, levaron a cabo o PSOE e o PP, que antepoñen "os intereses das eléctricas" ou os dos galegos.

Sector pesqueiro ante as eléctricas

En concreto no ámbito de Vigo, desde o Bloque reivindicaron unha "rexeneración integral" da ría, ademais do resto de rías galegas. “Hai un debate sobre como abrir Vigo ao mar e no BNG témolo claro, hai unha urxencia en Vigo e temos que preservar a xoia da coroa”, indicou con respecto da ría de Vigo.

Empezando pola recuperación integra da Ría, dotar á cidade dun correcto sistema de depuración porque “non é razoable que, aínda hoxe, se incumpra a directiva europea da auga. Vigo precisa un sistema de depuración propio do século XXI”, destacou, recalcando os miles de postos de traballos directos a indirectos que se xerarán ao ter unha Ría que actúe como fonte de riqueza e de creación de emprego.

Tamén pediron un "cambio de paradigma", que implique acabar cos recheos e dotar de funcionalidade a Plisan de Salvaterra-As Neves, para que sexa utilizada como porto seco.

Pontón criticou os Plans de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM) postos en marcha polo Goberno central porque, segundo dixo, permitirán a instalación de macroparques de eólica mariña que afectarán os ecosistemas mariños.

Preservar o medioambiente

A portavoz do BNG asegurou que en materia de preservación do medioambiente, o principal problema que ameaza ao territorio son os incendios, polo que lamentou o anteproxecto de lei de loita integral contra os incendios forestais que está a elaborar o PP. “Dá a entender que unha das grandes medidas contra os incendios vai ser prohibir falar de lumes, coma se a cidadanía e os medios de comunicación dedicásense a difundir información falsa", criticou.

Para ela, a solución pasa por poñer en marcha unha "auténtica política de apoio ao medio rural, para reverter o abandono e o despoboamento".

Reconciliar a cidade co litoral

Pola súa parte, o concelleiro e candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, subliñou a “vontade compartida de todas as viguesas e vigueses” para avanzar cara a unha cidade “máis sustentábel e moito máis verde”. Nese obxectivo, defendeu como “estratéxico e fundamental” reconciliar Vigo co seu litoral.

Igrexas explicou as tres grandes liñas de actuación que, “un BNG determinante no Pleno a partir do 28 de maio, impulsará neste ámbito”: “deixar de tratar a Ría como un grande sumidoiro”,  o “compromiso firme e rotundo” do BNG en contra de novos recheos portuarios e a necesidade de avanzar na recuperación efectiva do litoral desde o público e para o desfrute da veciñanza.

Comentarios