18-F

Pontón advirte de que o PP vai facer unha campaña co "foco" en Madrid

O BNG fixo balance destes catro anos de lexislatura.
bng parlamento galego
photo_camera Ana Pontón e o grupo parlamentario do BNG onte no Hórreo (Foto: BNG)

A portavoz nacional do BNG e candidata nacionalista á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, fixo onte balance da lexislatura, convencida de que “é posíbel” deixar atrás catorce anos de “retrocesos” do PP.

“Hai unha maioría que quere cambio e temos que convencer a esa maioría de que é posíbel se hai unha gran participación e se esas ganas se expresan nas urnas concentrando o voto do cambio no BNG”, destacou, subliñando que o nacionalismo ten proxecto e está preparado para gobernar“.

Pontón, acompañada do grupo parlamentario,  destacou que as do 18-F son as eleccións galegas máis abertas dos últimos anos, a oportunidade de “facer historia” coa primeira presidenta liderando un Goberno coas “mans libres para defender os intereses de Galiza” sen a “submisión centralista” das forzas estatais que, alertou, van traer aquí as súas liortas madrileñas.

“Fronte ao seu empeño en pór o foco en Madrid, os galegos e as galegas van responder nas urnas apostando por unha forza como o BNG, apostando polo noso, imos ofrecer á cidadanía unha campaña de propostas para pór en marcha a mellor Galiza”, argumentou. “O PP sabe que o presenta un balance nefasto e para ocultalo quere desviar o foco sobre a súa xestión”, explicou.

"Contra os retrocesos"

Esa “Galiza en pequeno” do PP con “retrocesos en sanidade, ensino, emprego ou  medio ambiente” que deixa o PP, indicou,  “é a que queremos cambiar a partir do 18-F liderando o Goberno cun proxecto a favor da maioría social, ambicioso, sen ataduras, pensado desde Galiza e para os galegos e galegas”. 

 O grupo parlamentario do BNG coa súa portavoz á cabeza fixo balance do traballo do últimos catro anos, un labor que Ana Pontón destacou e que presenta como aval para "gañar un futuro mellor. Pontón fixo un extenso agradecemento a todos integrantes dos grupo, de quen dixo aprender das súas iniciativas cada día, e que deixa "un gran legado". 

Comentarios