Entrevista

Ana Pontón: "O máis importante é que concentremos todo o voto do cambio no BNG"

De “gran noticia”. Así cualifica Ana Pontón, candidata do BNG á Xunta da Galiza e portavoz nacional da formación nacionalista, o anuncio do adianto electoral, pois considera que, “canto antes votemos, antes poremos en marcha o cambio que necesita este país”. Unha mudanza, asegura, desde o seu despacho do Parlamento da Galiza, en que nos recibe, “que estará encabezada polo BNG”.
Ana Pontón é a candidata do BNG á Xunta da Galiza e a portavoz nacional da formación frontista. (Foto: Arxina)
photo_camera Ana Pontón é a candidata do BNG á Xunta da Galiza e a portavoz nacional da formación frontista. (Foto: Arxina)

—O PP dedica moitos esforzos en atacar o BNG e, en especial, Alfonso Rueda, nos debates do parlamento, a vostede. Quere isto dicir que o BNG se atopa no seu mellor momento?
O PP sabe que o BNG é quen pode disputarlle a Xunta da Galiza neste momento e estamos ante unhas eleccións que son as máis importantes das últimas décadas, non para o BNG, senón para o país, porque este país necesita un cambio. Creo que á Galiza vai sentarlle ben unha presidenta do BNG e o que lle pedimos ás galegas e aos galegos é a oportunidade para demostrar que o podemos facer mellor. O balance do PP é de retrocesos en materia de sanidade, de educación pública, no ámbito industrial, con incapacidade para pór en marcha as grandes transformacións que necesita este país. E saben que a alternativa que hoxe ven miles de galegas e galegos é o BNG. Creo que o seu nerviosismo delata que nestas eleccións hai partido e que nós saímos a gañar.

—Que condicións considera necesarias para que sexa posíbel un cambio político na Galiza? En particular, ve necesaria unha estratexia da oposición, tanto política como social, ao PP?
O máis importante nestas eleccións é que non se perda ningún voto e que concentremos todo o voto do cambio no BNG porque somos a alternativa real fronte ao PP. Tamén teño a sensación de que imos ir a unha campaña en que eses predicadores do non vannos dicir que “non se pode”, que “non é posíbel” e é unha forma de intentar desincentivar que toda a xente que quere un cambio, que é maioría na sociedade galega, estea presente nas urnas. Por tanto, imos ter a responsabilidade de tirar da man de todas esas persoas que queren un cambio para dicirlles “é posíbel e, se vós estades, farémolo realidade”.

—Aludía agora á campaña electoral. Que temas hai que pór sobre a mesa para que a precampaña e a campaña se centren na Galiza, nos asuntos galegos, e non na dinámica estatal?
Hai un interese desde Madrid por colonizar todo, e até queren colonizar a campaña electoral galega, o que é unha falta de respecto enorme, porque estas eleccións non van de Sánchez e Feixoo e as súas batalliñas madrileñas, que nada nos interesan. Estas eleccións realmente do que van é de que sanidade pública temos, que modelo de financiamento, cal vai ser o modelo enerxético que poñamos en marcha, como podemos transformar Galiza para que a súa economía se basee no coñecemento, na innovación, no desenvolvemento... Estas eleccións van da vida das galegas e dos galegos.

Cada vez hai máis xente á que esa política de ruído, de crispación, que é estéril de todo, para nada lles interesa, e por iso miran cara ao BNG, porque saben que temos na cabeza e no corazón este país e que a nosa razón de ser son as galegas e os galegos e que, ademais, temos un proxecto para darlle un futuro a este país. Non se trata de quitar o PP para pórnos nós, trátase de devolver a esperanza, de construír un país mellor, e a forza política que ten un proxecto desde e para Galiza é o BNG.

Ana Pontón, posando para 'Nós Diario' no Parlamento da Galiza. (Foto: Arxina)
Ana Pontón, posando para 'Nós Diario' no Parlamento da Galiza. (Foto: Arxina)

—No caso dun cambio de Goberno na Xunta da Galiza, cales serían as primeiras medidas que poría en marcha o BNG?
Primeiro temos que ser capaces de conseguir ese cambio e aí vai ser fundamental a mobilización de toda a militancia, de todos os simpatizantes, e que saiamos gañar esta campaña. E se chegamos aí, hai moitas medidas que tomar, mais unha das primeiras será quitar a cadeira que as eléctricas teñen no Consello da Xunta e pór en marcha un novo modelo enerxético que respecte o medio ambiente, o rural e que poña a enerxía ao servizo das galegas e galegos.

—O debate sobre o modelo territorial do Estado está máis aberto que nunca. Que é o urxente a reforma do Estatuto de Autonomía ou traspaso de competencias?
Non podemos ver as cousas como contrapostas. Galiza ten dereito, como mínimo, a que se cumpra o Estatuto que se aprobou, máis alá de que a nós nos pareza que é moi escaso, porque 40 anos despois segue sen cumprirse, seguimos sen ter unha policía autonómica como teñen Euskadi ou Catalunya e hai moitísimas competencias que non conseguimos. Tamén é certo que levamos 14 anos cun Goberno que non conseguiu ningunha competencia porque non as quería. Iso non quere dicir que non teñamos que abrir un debate sobre o modelo territorial, que creo que vai moito máis alá dunha reforma do Estatuto. Temos que aspirar a un novo status político de nación nun momento en que é evidente que Euskadi e Catalunya van dar pasos adiante importantes e nós non podemos permitir que Galiza quede nin un só paso por detrás do que consigan e, por tanto, temos que ir cunha proposta ambiciosa.

Hai que recuperar a Atención Primaria e para iso propomos un plan de choque cun mínimo de 200 millóns de euros

—Falaba da sanidade como un dos temas a pór sobre a mesa na campaña e precisamente están a desenvolverse día tras día mobilizacións sociais en distintas comarcas. Cos recursos que hai actualmente, sería posíbel mellorar a atención sanitaria e reducir as listaxes de agarda?
Durante estes últimos 14 anos debilitouse moito a Atención Primaria, de feito sufriu un recorte de máis de 2.000 millóns de euros nestes 14 anos e 2.000 millóns de euros menos nos centros de Primaria teñen consecuencias, como que teñamos listas de agarda, que os profesionais non queiran traballar nos centros de saúde pola súa sobresaturación ou que teñamos 11.000 nenas e nenos sen pediatra. Por tanto, hai que recuperar a Atención Primaria e para iso propomos un plan de choque cun mínimo de 200 millóns de euros e ir a un cambio no que incorporemos máis especialidades en Primaria. Se Primaria funciona, todo o sistema reséntese menos e, por exemplo, é inconcibíbel que cando se sabe que o 30% das consultas que hai en Primaria son derivadas de saúde mental, Psicoloxía Clínica non forme parte da carteira de Primaria.

—A lingua bótase en falta na axenda política nun momento crítico marcado pola perda de falantes. Que van facer para reverter a situación se chegan á Xunta da Galiza?
O primeiro é que nós lle demos importancia ao debate sobre o idioma ao longo desta lexislatura, porque nos preocupa que teñamos unha lingua que é a única no Estado que perde falantes e ademais estamos vendo que nin sequera se garante a transmisión familiar, porque as familias que escollen educar os seus fillos e fillas en galego ven como a contorna e o sistema educativo, coas reformas e contrarreformas que fixo o PP, provocan que eses nenos e nenas entren pola porta falando galego e saian falando castelán. Si que é un tema que estivo na axenda. Tamén creo que é vergoñento, aínda que non nos sorprenda, que teñamos un presidente da Xunta que vota en contra de que o galego poida utilizarse noutras institucións, como é o caso do Congreso.

Que facer? Evidentemente, temos que reverter estes 14 anos que foron en contra da lingua e o primeiro é restabelecer un certo consenso a respecto de que temos que pór en marcha políticas a favor do galego e non se pode permitir que nin sequera se garanta que aqueles que queiran usalo poidan facelo e que se garanta esa transmisión xeracional e, sobre todo, o coñecemento. É fundamental botar abaixo ese decreto da vergoña do PP, pór en marcha un novo proxecto lingüístico no ámbito educativo que reforce o coñecemento do noso idioma e, tamén, quero dicilo, das linguas estranxeiras, porque este é outro timo do PP, que nos vendeu un trilingüismo que non é trilingüismo, é máis monolingüismo en castelán.

Temos que restabelecer a normalidade democrática nunha CRTVG que está secuestrada ao servizo dos intereses do PP

—Cando Feixoo marchou para Madrid, vostede dixo en máis dunha ocasión: “Agora todos van coñecer a Feixoo”, e falaba de “mito” e “relato”. Na imaxe que se creou del na Galiza, de “moderado” e “gran xestor", foi fundamental o papel de boa parte dos medios de comunicación galegos, algo que non se entendería sen a dependencia que esas empresas xornalísticas teñen das subvencións da Xunta da Galiza. Que modelo defenderá o BNG se chega ao Goberno?
Hai moitos matices na pregunta e para min hai unha cousa moi clara: Feixoo foi alimentado como bo xestor desde Madrid por unha deformación que, ás veces, teñen os medios madrileños, que queren crear unha figura que contrapor contra, naquel momento, Casado e por algunha razón escolleron Feixoo. Nós xa sabemos que non é moderado nin bo xestor e todos eses medios están vendo quen é realmente Feixoo, un señor que por chegar ao poder é capaz de todo. Iso vímolo con claridade.
Que modelo de medios? É evidente que temos que ir restabelecer a normalidade democrática nunha CRTVG que está secuestrada ao servizo dos intereses electoralistas do PP. O nivel de partidismo e de promoción persoal do candidato do PP é un auténtico escándalo democrático. Temos que ir a un novo modelo que garanta unha Dirección que funcione cos criterios que teñen que operar nun medio público, que son o pluralismo, a veracidade na información e non ser o aparato de propaganda de ningún partido.

Tamén creo que se necesita unha Lei de Publicidade Institucional que regule esa relación entre o poder e os medios, que ofreza transparencia á sociedade e que sexa igualitaria cos medios.

Comentarios