Ence fechou 2022 cuns beneficios netos de 274 millóns de euros

Desde Ence explicaron que este fechamento positivo do ano ten a súa orixe nos "fortes" prezos da celulosa e os "bos" resultados operativos.
A fábrica de ENCE en Pontevedra eleva o nivel de contaminación da cidade malia a baixada do tráfico (Foto: Estevoaei).
photo_camera A fábrica de ENCE en Pontevedra eleva o nivel de contaminación da cidade malia a baixada do tráfico (Foto: Estevoaei).

Ence Enerxía e Celulosa obtivo un beneficio neto consolidado de 247 millóns de euros no ano 2022 segundo informou esta terza feira a compañía á Comisión Nacional de Mercados e Valores (CNMV).

Desde Ence explicaron que este fechamento positivo do ano ten a súa orixe nos "fortes" prezos da celulosa e os "bos" resultados operativos.

Á súa vez, a marxe operativa do negocio tamén se incrementou en 2022, debido á mellora do tipo de cambio, mitigando o efecto da suspensión de actividade en Pontevedra e compensando a inflación no custo das materias primas.

Así, o resultado operativo do negocio de Celulosa alcanzou os 27 millóns de euros no cuarto trimestre do ano e elevouse até os 138 millóns de euros no conxunto de 2022.

Por outra parte, o resultado operativo do negocio de Enerxía Renovábel alcanzou os 13 millóns de euros no cuarto trimestre, elevando o acumulado do ano até os 110 millóns de euros.

A compañía tamén destacou que, tras a sentenza do pasado 7 de febreiro do Tribunal Supremo (que ratificou a validez a prórroga da concesión da fábrica da compañía en Pontevedra até o ano 2073), Ence reverteu 169 millóns das deterioracións e provisións rexistrados no negocio de celulosa nos estados financeiros de 2021 (como resultado das sentenzas da Audiencia Nacional, ditadas no devandito ano).

O novo proxecto de Ence

Así mesmo, a compañía anunciou en 2022 que está a analizar un novo proxecto na localidade das Pontes para a produción de fibra branqueada mixta, a partir de papel e cartón recuperado, e de fibra virxe producida por Ence.

A primeira fase do proxecto consiste nunha liña de 100.000 toneladas anuais que podería estar operativa en 2026, cun investimento inicialmente estimado de 125 millóns de euros.

Comentarios