San Ramón trasladou ao Consello Cidadán de Podemos o seu apoio a Sumar, mais non acudiu para "respectar os acordos"

O coordinador de Podemos Galiza aposta por "unha candidatura que consiga que Yolanda Díaz sexa a próxima presidenta do Goberno do Estado e que Ione Belarra e Irene Montero sexan as súas vicepresidentas".
Borja San Ramón, secretario xeral de Podemos na Galiza. (Foto: Europa Press)
photo_camera Borja San Ramón, secretario xeral de Podemos na Galiza. (Foto: Europa Press)

O coordinador nacional de Podemos na Galiza, Borja San Ramón, falou esta terza feira por vez primeira publicamente desde a decisión de non acudir o pasado domingo ao acto de lanzamento da candidatura de Yolanda Díaz, Sumar, despois de que confirmase a súa asistencia. Neste senso, recoñeceu que se debeu á decisión da formación morada de non acudir á cita no pavillón de Magariños, malia que no seo do Consello Cidadán de Podemos expresou a súa postura contraria á que se acordou internamente.

Nun acto en Pontevedra con motivo da presentación da candidata á Alcaldía desta cidade —Luisa Lores—, San Ramón reiterou a súa postura a favor, que xa manifestara previamente nunha entrevista coa axencia Europa Press, de que Yolanda Díaz "sexa a próxima presidenta do Goberno do Estado e que Ione Belarra e Irene Montero sexan as súas vicepresidentas".

O sucesor do deputado Antón Gómez-Reino, que si acudiu ao acto de Sumar, defendeu que "Podemos Galicia vai loitar por construír proxectos políticos o máis amplos posíbel, que consigan ser decisivos e que consigan gobernar este país". Na súa intervención, explicou o motivo da súa ausencia no acto de presentación de Sumar, que encadrou na súa participación no Consello Cidadán Estatal de Podemos, o máximo órgano de representación da organización morada, no que trasladou "a posición de Podemos Galicia". "Tanto á miña secretaria xeral como á miña secretaria de Organización", apostilou.

"Obviamente era unha posición diferenciada da que tiña a miña organización a nivel estatal", recoñeceu o coordinador de Podemos na Galiza. "Falei coa miña executiva e decidimos respectar o debate que se deu nese órgano de dirección", explicou, en referencia á decisión de non adherirse polo de agora ao proxecto que lidera a vicepresidenta segunda do Goberno estatal e ministra de Traballo. "Podemos Galicia sempre vai sumar", dixo Borja San Ramón, facendo uso do nome da plataforma que ergueu á política ferrolá.

"Seguiremos traballando por que politicamente se consiga isto", engadiu. A posición política de Podemos está "clara", dixo, "e nós imos traballar para que, cando teña que pasar, haxa un acordo amplo de que todo o mundo estea onde ten que estar".

Foto final

O coordinador dos morados na Galiza cre que a secretaria xeral de Podemos a nivel estatal, Ione Belarra, sostén que "ten que haber un acordo entre Podemos e Sumar", e apunta que "as cuestións que teñen que ver co contexto actual" a el impórtanlle "menos", porque o que queren é "chegar á foto final todas xuntas". "O domingo foi unha primeira foto de todo o que ten que vir, por desgraza non puido estar todo o mundo, pero van vir máis fotos e imos seguir empurrando para que nas próximas fotos esteamos todas", engadiu.

Borja San Ramón non teme que poidan xurdir divisións en Podemos porque "vai primar a responsabilidade" e el, dixo, non contempla "un escenario onde non se vaia chegar a un acordo". "O que temos que primar e o que non entendería a xente é que en decembro, ou cando toque, non esteamos todas xuntas nunha candidatura que consiga que Yolanda Díaz sexa a próxima presidenta do Goberno do Estado e que Ione Belarra e Irene Montero sexan as súas vicepresidentas", sentenciou.

Comentarios