Periga a investidura de Sánchez? As bases do Consell de la República avalan bloqueala

Na consulta, promovida por un militante, participou menos de 5% do censo, e o ex conseller catalán Lluís Puig xa advertira que "non é determinante" nin de obrigado cumprimento.
Carles Puigdemont, nun acto do Consell per la República Catalana. (Foto: David Zorrakino / Europa Press)
photo_camera Carles Puigdemont, nun acto do Consell per la República Catalana. (Foto: David Zorrakino / Europa Press)

As bases do Consell de la República Catalana (CdeRep), entidade que encabeza o ex president da Generalitat Carles Puigdemont, veñen de avalar nunha consulta popular, con até 74,9% dos apoios, promover o bloqueo á investidura do presidente do Goberno español en funcións e candidato do PSOE á reelección, Pedro Sánchez. Na consulta, que preguntaba se o CdRep debe instar os partidos independentistas cataláns —nomeadamente Junts e ERC— a impediren a reedición do Executivo PSOE-Sumar, votaron 4.021 persoas dun censo de 90.484.

A participación, pois, foi de unicamente 4,45%, deixando tres cuartas partes (74,9%) de votos favorábeis ao bloqueo e un cuarto (24,9%) que defendeu o 'non' —é dicir, que Junts e ERC deben permitir a reelección de Pedro Sánchez—, mentres o 0,2% restante votou en branco. Tras a votación, o goberno do CdRep comunicará o resultado da consulta ás direccións dos diferentes partidos independentistas "de maneira inmediata".

Un membro rexistrado do CdRep impulsou a finais de xullo a proposta para convocar esta consulta e logrou os avais necesarios para sacala adiante —1% dos rexistrados—, polo que conseguiu que se sometese a votación dos afiliados. Os resultados publicados son provisionais, e agora empeza o prazo de presentación de reclamacións até o 27 de outubro, mentres que o 2 de novembro serán proclamados os resultados definitivos.

"Non é determinante"

Con todo, o ex conseller e membro do CdRep Lluís Puig manifestou recentemente que o resultado da consulta non era "determinante" nin de obrigado cumprimento. Admitiu a posibilidade de que as bases do CdRep avalasen promover o bloqueo a Sánchez e que Junts seguise negociando e lograse un acordo para investir o candidato do PSOE.

O último pronunciamento de Puigdemont sobre as negociacións foi o pasado domingo cando, nun apuntamento na rede social X, reiterou que a independencia política de Catalunya é a "única maneira de continuar existindo como nación", e achegou un punto da súa conferencia do 5 de setembro en Bruxelas (Bélxica).

Outra consulta

A semana pasada coñeceuse tamén o resultado doutra consulta do CdRep, que avalaba con 76,5% a proposta da dirección de reestruturar a entidade, que contou cunha participación de 6,53% e que conlevará restar poderes á Asemblea de Representantes, definida como o 'Parlamento' da entidade. A Asemblea de Representantes está composta por 121 membros que teñen a función de controlar a cúpula do goberno da entidade, que lidera o ex president catalán.

Comentarios