O Partido Galeguista reforza unha "amizade histórica" co PNV en Euskadi

Membros da Executivo nacional participaron en actos públicos de homenaxe, encontros coa emigración galega  e reunións de carácter puramente político.
Representantes do Partido Galeguista con directivos do PNV. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Representantes do Partido Galeguista con directivos do PNV. (Foto: Xan Leira)

Unha delegación da Executiva do Partido Galeguista (PG) viaxou esta semana a Euskadi para participar en diversas actividades compartidas co Partido Nacionalista Vasco (PNV). Francisco López Chesqui, presidente e secretario do PG, emprendeu este percorrido acompañado por Manuel Suárez, Xan Leira e Antonio Dieter Moure,entre outros.

Esta quinta feira a delegación galega participou nun acto de homenaxe ao ex Lendakari José Antonio Aguirre no cemiterio de Saint Jean de Luz, con intervencións das presidencias do Partido Galeguista e do PNV, ademais de asistir a unha homenaxe aos militantes históricos do nacionalismo vasco e galego, diante da árbore de Guernika, na que interviñeron figuras de ambas as dúas formacións políticas.

A viaxe rematará cunha reunión na sede do PNV, en Bilbao, coa participación de membros do Euskadi Buru Batzar, comité executivo do PNV, e membros da delegación da Executiva do Partido Galeguista. 

Encontro coa emigración

Após seren recibidos a pasada cuarta feira polo Lendakari Urkullu, na Lendakaritza, sede do Goberno vasco, a delegación galega visitou o cemiterio de Lizarra, onde participou nunha homenaxe ao que foi Ministro de Xustiza da II República, Manuel de Irujo, con intervencións de Iñaki Anasagasti, ex portavoz do PNV no Congreso dos Deputados e Francisco López Chesqui, secretario do PG.

Ese mesmo día o grupo achegouse á sede de Fundación Sabino Arana, en Bilbao, onde mantivo un encontro con representantes da colectividade galega residente en Euskadi, no que participaron representantes galegos e vascos, do PG e o PNV e durante o cal se proxectou o documental de Xan Leira Castelao e os Irmáns da liberdade.

"É obxectivo político principal do Partido Galeguista estreitar as relacións co Partido Nacionalista Vasco co que manteñen lazos de amizade histórica, considerando que os seus aliados estratéxicos están prontos a enfrontarse a unha nova convocatoria electoral para renovar as deputadas e deputados do Parlamento vasco, e que este mesmo ano celebraranse as eleccións ao Parlamento Europeo", sinalaron fontes do Partido Galeguista no marco deste periplo por Euskadi.

Comentarios