Un particular recorre a retirada do nome do rei emérito do mapa de rúas de Pontevedra

Fernández Lores confirmou que o Goberno local "rexeitará esa petición", xa que é "unha decisión política". Ademais un informe de Secretaría rexeita o recurso porque o acordo adoptouse "con todos os requirimentos legais", sinalou, e dentro das competencias que ten o pleno para facelo.
Vista aérea da cidade de Pontevedra. (Foto Concello de Pontevedra)
photo_camera Vista aérea da cidade de Pontevedra. (Foto Concello de Pontevedra)

O pleno do Concello de Pontevedra foi convocada de maneira extraordinaria para a vindeira segunda feira, día 12, para abordar o recurso presentado por un particular no que esixe a revogación do acordo por que o que se retirou do rueiro da cidade o nome do rei emérito Juan Carlos I.

No pleno do pasado 15 de febreiro a corporación municipal, cos votos favorábeis de BNG e PSdeG e o rexeitamento do PPdeG e do concelleiro non adscrito, aprobada a eliminación do nome do monarca en "un acto de xustiza, decencia e hixiene democrática", polo que a avenida co nome do Borbón pasaba levar o da galeguista Virxinia Pereira Renda.

Entón a concelleira de Cultura, Carme  Fouces, afirmou que era "un día histórico que quedará gravado no relato da cidade", despois de saír adiante unha proposta que foi xustificada polo comportamento do rei emérito, que "avergoña até os monárquicos decentes", e ás informacións que apuntan "á cobranza de comisións" de "dubidosa procedencia" que, ademais, "ocultaba en Suíza para esconder ao fisco do seu propio reino", polo que concluía que o rei emérito "non é merecedor da honra que supón ter unha rúa en Pontevedra", engadiu.

Esta decisión do plenario foi recorrida por un cidadán particular que esixe a revogación do acordo. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, explicou esta cuarta feira que o prazo para resolver este asunto acaba o día 15 de abril e "inevitabelmente para rexeitar esa petición é necesario facer un acordo plenario porque foi no pleno onde se aprobou ese cambio de nome da rúa". O pleno ordinario celebrarase o día 19 deste mes.

Fernández Lores confirmou que o Goberno local "rexeitará esa petición", xa que é "unha decisión política". Ademais un informe de Secretaría rexeita o recurso porque o acordo adoptouse "con todos os requirimentos legais", sinalou, e dentro das competencias que ten o pleno para facelo.

Comentarios