O Parlamento galego recoñecerá o papel de Castelao como presidente do Consello da Galiza

O acto ao redor da figura de Castelao este domingo no Panteón de Galegos Ilustres (Foto: Xoán Crespo / Xunta da Galiza).
Esta homenaxe é froito das conversas decorridas en datas recentes entre os tres grupos parlamentarios do Parlamento.

O presidente do Parlamento da Galiza, Miguel Ángel Santalices, anunciou este domingo que a Cámara galega atenderá a petición impulsada polo Partido Galeguista e acollerá un acto de homenaxe para recoñecer o papel de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao como presidente do Consello da Galiza.

Así o avanzou Santalices este domingo durante o acto conmemorativo polo 137 aniversario do nacemento do escritor e político de Rianxo no Panteón de Galegos Ilustres de Santo Domingo de Bonaval.

Esta homenaxe é froito das conversas decorridas en datas recentes entre os tres grupos parlamentarios do Parlamento.

Na súa intervención, o presidente da Cámara lembrou que a Galiza celebrou recentemente o “40 aniversario da súa autonomía”.

Algo que, recoñeceu, "non sería posíbel sen figuras como Castelao, Otero Pedraio, Risco ou Bóveda", ás que denominou "sementes da democracia e o autogoberno".

Para Santalices, "Galiza está en débeda con todos eles" e, "moi especialmente", con Castelao, como "referente ético e pola súa condición de primeiro presidente do Consello da Galiza", constituído en Montevideo o 15 de novembro de 1944, "como fideicomisario da vontade democrática de autogoberno truncada polo golpe de estado de 1936".

Así mesmo, o presidente do lexislativo galego sinalou que este recoñecemento resulta extensivo aos que, do mesmo modo que Castelao, "traballaron a favor do autogoberno democrático galego", como os deputados galegos exiliados en Sudamérica: Antón Alonso Ríos, Elpidio Villaverde, Ramón Suárez Picallo e Alfredo Somoza.

A cerimonia, enmarcada ao redor do panteón de Castelao no cal repousaba unha bandeira da Galiza e o libro do discurso que o propio Castelao recitou o Día da Patria en 1948, estivo acompañada pola actuación musical do 'Cuarteto da Oca', que interpretaron os poemas musicalizados 'Negra sombra', de Rosalía de Castro, 'Unha noite na eira do trigo', de Curros Enríquez, e 'Lela', de Castelao.