Pablo Iglesias, na Coruña: ‘’As marés son o principio da fin do PP en Galiza’’

O líder de Podemos interveu nun Palexco cheo até a bandeira, onde pediu a Rajoy un debate electoral, acusou a ’casta’ de rachar o pacto constitucional e criticouna por poñer aos pés de Merkel a “soberanía de España”.

MAREA1
photo_camera Imaxe: Marea Atlántica

Acto central da Marea Atlántica na Coruña nun Palexco ateigado até a bandeira, o que impediu que entrase ao mitin toda a xente que gardaba cola xa desde tempo antes do comezo. Pablo Iglesias apareceu, acompañado de Xulio Ferreiro -candidato da Marea-, Yolanda Díaz -EU- e Antón Sánchez -Anova- entre os berros de ‘Si se puede’ dos centos de presentes.

Comezou o secretario xeral de Podemos botando man da interrogante que abre o himno galego para el mesmo dar a resposta á pregunta escrita por Pondal: “Que din os rumorosos?” Pois “que vén unha marea atlántica para botar os corruptos”. Pablo Iglesias empregou un par de veces o termo ‘Galiza’ e dirixiuse en todo momento aos asistentes. A eles díxolles que eran “a forza” e “o cambio”, a eles pediulles que cada un convencese “cinco amigos” para que Xulio Ferreiro chegue a alcalde da Coruña. A eles referiuse para incidir en que “a xente é a que pode cambiar Galiza, a que pode cambiar España”.

Pablo Iglesias pediu que non se poña aos pés de Merkel "a soberanía de España"

Responsabilizou o PP e PSOE de ser quen “rachou o pacto constitucional”, polo que agora cómpre “un novo pacto”, algo que, dixo, débeselle “aos nosos avós, aos nosos país”. Todo nun discurso no que Rajoy é un “covarde” que se agocha “como unha galiña” por se negar a debater publicamente, no que dixo que as mareas van ser “o principio do fin do PP en Galiza” e no que mesmo botou man do lema aznariano para pronunciar un ‘Váiase señor Feijóo”. Ao presidente galego adicoulle varias referencias ("a min non me farán fotos nun barco cun narco"), mais tamén a Artur Mas ou Jordi Pujol.

Houbo tamén pinceladas dese ‘novo patriotismo’ español que Podemos ensina de cando en vez. Xa o fixera en actos en Madrid e agora en Galiza, ao pedir que hai que ter gobernantes que “nunca máis obedezan a Merkel” e que non poñan aos seus pés “a soberanía de España”. Uns gobernantes, apuntou, que “non manchen a palabra patria ou nación”.

“Imos expulsar do Concello os mordomos do 1%”

O candidato da Marea Atlántica tomou a palabra após a intervención de Pablo Iglesias. Apelou á necesidade da unidade e defendeu a “rebelión democrática” como necesidade perante o “caos” creado polas políticas de austericidio. “O 24 de maio imos expulsar do Concello da Coruña os mordomos do 1%”, afirmou.

A unidade foi unha palabra constante nas diferentes intervencións. Yolanda Díaz (Esquerda Unida, AGE), asegurou que “a xente á que cortan a luz quere unidade” para reverter a situación actual. Antón Sánchez (Anova, AGE) comezou advertindo a Negreira (“pon o flotador, que vén a marea”) e acabou nomeando nacionalistas como Viqueira, Castelao, Bóveda ou Ánxel Casal, dos que dixo “que souberon tecer alianzas con forzas non nacionalistas”. Mesmo, e referíndose ao editor e alcalde compostelán asasinado polo fascismo en 1936, dixo que era "nacionalista galego e republicano español".

Comentarios