A oposición ve Feijóo dando o salto a Madrid, antes ou despois

BNG, AGE e PSdeG dan por “esgotado” o ciclo do goberno do PPdeG, mais lamentan que os populares marquen a axenda para a Xunta en virtude de intereses políticos estatais.

feijoo
photo_camera feijoo

Pedro Puy, portavoz parlamentar do PPdeG, afirmaba esta segunda feira que os populares non descartaban un adianto electoral en Galiza, abrindo así o último debate político do ano. Preguntado polas declaracións de Puy, o vice-presidente da Xunta, Alfonso Rueda, dixo que “en principio” a intención do goberno era esgotar a lexislatura mais, engadiu, “non descartamos” nada. Unha vez máis, a porta aberta a variar o calendario e adiantar a cita galega coas urnas. Ao igual que Puy, Rueda apontou ao contexto político estatal como elemento que determinaría a axenda política e electoral galega.

Para a oposición parlamentar, o adianto electoral é un escenario a ter en conta. O portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, declaraba á Ser Galicia que tiñan presente esa hipótese. Un adianto que, en todo caso, amosaría para os nacionalistas que o executivo de Feijóo carece de ideas e axenda propia, supeditada a intereses e cálculos do PP e da política española. Para Jorquera ese adianto respondería aos intereses de Núñez Feijóo por dar o chimpo a Madrid e á política estatal. En todo caso, considera esgotado o ciclo do goberno do PpdeG.

Os socialistas teñen cada día máis claro que Feijóo quere marchar para Madrid. Declarouno Méndez Romeu, portavoz do PsdeG no Parlamento de Galiza, na Cadena Ser, á vez que cualificaba como acabado o proxecto político do Partido Popular galego.

Desde AGE son partidarios dun adiante electoral pois entenden que o modelo do PP amosou reiteradamente nestes anos que fracasou e xa non ten nada a ofrecer. Yolanda Díaz, vice-portavoz de AGE até agora e deputada eleita por En Marea no Parlamentoe spañol, xa pediu un adianto electoral na valoración dos resultados do 20-D.

Comentarios