Parlamento

A oposición denuncia o feche de 12.000 granxas desde 2009 e a Xunta alega que as que quedan "son a envexa de España"

A conselleira anunciou que este ano o seu departamento presentará o anteproxecto de Lei de montes comunais.
aaaaaaaaaaaaaaa
photo_camera A conselleira María José Gómez, Secundino Fernández (BNG) e Carmen Rodríguez (PSdeG).

A oposición tirou esta terza feira de datos na comparecencia da conselleira de Medio Rural, María José Gómez, para instala a tomar nota da realidade do rural galego de cara á presente lexislatura. O BNG e o PSdeG falaron de explotacións fechadas, perda de servizos básicos ou desaparición de superficie agraria e de eucaliptización. A conselleira comprometeuse a traballar por un rural "produtivo, atractivo e con futuro".

María José Gómez compareceu no pleno do Parlamento galego para expor as liñas principais da Consellaría de Medio Rural para a presente lexislatura. Anunciou que este ano o seu departamento presentará o anteproxecto de Lei de montes comunais —que até agora xerou o rexeitamento do sector por entender que abre a porta a "privatizar" a titularidade comunal— e a Lei integral contra os incendios forestais. Anunciou tamén un paquete de iniciativas para favorecer a remuda xeracional no agro e incorporar novos traballadores e traballadoras, a través de programas de formación e asesoramento e con vista posta non só na mocidade senón tamén en colectivos como emigrantes retornados.

Os anuncios da conselleira foron acollidos pola oposición cun 'recordatorio' de cal é a situación a día de hoxe. O portavoz do BNG neste debate, Secundino Fernández, lembrou que só no ano 2023 fecharan 365 granxas de leite. A voceira do PSdeG, Carme Rodríguez, apuntou ás 12.000 de leite e carne que desapareceron desde que en 2009 o PP chegou á Xunta da Galiza. Para a conselleira de Medio Rural, porén, o importante é que as explotacións que aínda quedan "son a envexa de toda España".

María José Fernández denunciou que nestes anos se perderon 50.000 hectáreas de superficie agraria útil, así como a "eucaliptización" do territorio galego. Criticou escasos resultas en recuperación de terras con 150 millóns sen executar. "Segue pensando que os galegos levamos o lume no ADN?", preguntou tamén á conselleira.

O nacionalista preguntou se ían prorrogar a moratoria a novas plantacións de eucalipto, veto que finaliza o 31 de decembro de 2025. María José Gómez non respondeu, como tampouco respondeu á pregunta deste deputado do BNG sobre como valoraba o impacto que tería a celulosa de Altri no sector agrogandeiro da Ulloa. Fernández ironizou sobre que cada posto de traballo en Altri suporá un investimento público de medio millón de euros (500 empregos e 250 millóns de fondos públicos), o que contrasta coas axudas de 30.000 euros da Xunta para a incorporación de mocidade ao agro.

Frondosas

A parlamentaria socialista Carmen Rodríguez reclamou que se mobilizasen as 40.000 hectáreas da concentración agraria que dixo que estaban "sen actividade", e criticou con dureza que desde o ano 2009 haxa 131.000 hectáreas de frondosas "abandonadas".

"Como se cada ano unha superficie de árbores frondosas do tamaño do concello de Foz se abandonase". Ademais, a deputada socialista requeríu un plan forestal "real", "mais non a través de máis celulosas".

Para a titular de Medio Rural as intervencións da oposición "debuxan un panorama que non é real, non me gusta ese catastrofismo", concluíu.

Máis en POLÍTICA
Comentarios