A Fruga di que Medio Rural beneficia as gandarías industriais de Suprema coa nova normativa de estabulación

O sindicato critica os cambios de regulación impostos pola Consellaría no Consello Regulador da Tenreira Galega.
Explotación gandeira (Tenreira galega).
Explotación gandeira (Tenreira galega).

Recentemente foi aprobada unha modificación normativa no seo do Consello Regulador da Tenreira Galega, a cal ten implicacións directas para todas as explotacións que producen baixo a categoría da Suprema.

Estas mudanzas normativas, obrigadas por unha resolución da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal) e publicadas no Diario Oficial da Galiza (DOG), implican, segundo sinala a Federación Rural Galega (Fruga), "a obriga de encortellar os xatos cebados acollidos a esta categoría".

"Esta medida vai afectar dunha maneira especial a todas as explotacións que optaran por un manexo extensivo da súa cabana ao verse obrigadas a acometer investimentos para dar cumprimento á mudanza do regulamento, que obriga a estabular os animais de máis de oito meses durante dous meses ou agrupalos en recintos fechados", salienta a organización.

"Tomar cartas no asunto"

Por iso, a Fruga critica a Consellaría do Medio Rural por impor esta medida, que considera prexudicial. En troques, demanda o colectivo, o Goberno galego "ten que tomar cartas no asunto, é preciso facer unha política acorde coas necesidades das gandarías galegas de carne, que contribúen de forma decisiva a manter a actividade agrogandeira en moitas comarcas do país e que son a mellor forma de ter un medio rural vivo e activo".

Comentarios