Parlamento

A oposición dá por rematado o ciclo do PP na Xunta: "Vémonos nas urnas"

Rueda di que se non gaña el a alternativa será "un cuadripartito".
rueda pontón álvarezs esión de control
photo_camera Alfonso Rueda, Ana Pontón e Luís Álvarez, na sesión de control desta cuarta feira. (Fotos: Arxina)

As eleccións pairan omnipresentes sobre a política galega e non ía ser menos a sesión de control ao presidente que decorreu no Parlamento, a última deste período de sesións e, segundo o ruxe ruxe en círculos políticos e mediáticos, pode que tamén da lexislatura. O BNG e o PSdeG instaron a Alfonso Rueda a facer un balanzo da súa xestión e destes 14 anos de Gobernos do PP na Xunta da Galiza. Un exame de todo un ciclo político de case tres lustros ás portas dunha convocatoria electoral.

Para nacionalistas e socialistas estes 14 anos deixan "unha Galiza onde as persoas viven peor que antes de que vostedes gobernasen" (Ana Pontón, portavoz do BNG); "unha Galiza onde os indicadores non mostran mellora" (Luís Álvarez, PSdeG). Ambos os dous coincidiron en sinalar que após 14 anos de Gobernos do Partido Popular "e de xestionar 171.000 millóns de euros", o país non está para foguetes.

"Non gobernaron para a xente, recortaron en sanidade e educación, a mocidade emigra, triplicaron a débeda, non conseguiron nin unha transferencia para a Galiza... Onde están os seus grandes proxectos para este país? Non ten nada que ofrecer", preguntou a líder nacionalista. Álvarez, pola súa parte, reprochou a Rueda estes anos de facer política "contra o Goberno estatal e os concellos" e afirmou, dirixíndose a Rueda: "O gran problema da Galiza é vostede".

O BNG e o PSdeG deron por rematado o ciclo político do PP na Xunta e emprazaron o presidente a convocar eleccións. "Vémonos nas urnas máis cedo que tarde", dixo o voceiro socialista. "Hai moitos galegos e galegas que queren que se abra unha nova etapa na Galiza. En canto convoque as eleccións, comprobarao", dixo Pontón ao presidente.

Un presidente que, nas súas quendas de intervención, nesta sesión de control quixo mostrar unha Galiza "illa de estabilidade" en contraste cun panorama político estatal onde mandan "independentistas",  rexe a "ingobernabilidade" e onde se pactan acordos para "roubar 400 euros de media por cada galego". Rueda reprochou a Pontón facerse a "ofendidiña" e, sen citalo, referiuse a José Ramón Gómez Besteiro como "o home-anuncio" dos socialistas.

"Desastre"

Tamén botou man dun argumento que xa fora manido polo Alberto Núñez Feixoo presidente da Xunta: o do "desastre" [empregou Rueda onte esta palabra] ao que iría a Galiza se non goberna o PP. "Volveriamos 14 anos atrás, só que en vez dun bipartito, sería un cuadripartito, con PSdeG, BNG, Sumar e Podemos", un totum revolutum que tería como o seu candidato nas eleccións galegas de 2024  a "Pedro Sánchez". 

Pontón instouno a non dar leccións a quen o BNG sitúa como o presidente galego  "máis submiso a Madrid". Álvarez ten claro que vai ser Isabel Díaz Ayuso quen decida as eleccións galegas. "Ayuso chamará a Feixoo para que as convoque e Feixoo chamarao a vostede para pedirllo, se non llo pediu xa". Rueda quixo deixar claro que os comicios "convócoos eu" mais non avanzou nada sobre a data, o tema que centra todas as quinielas políticas hoxe en día, mesmo no propio Grupo Popular.

Anuncio no desconto: manter a bonificación no transporte

Alfonso Rueda aproveitou o último pleno do período de sesións para anunciar que a Xunta ía manter en 2024 a bonificación de 50% para os bonos do transporte por estrada urbano e interurbano. "A xente non pode esperar" a saber se o Executivo estatal tamén bonificará, como se vén facendo desde 2022, este transporte, apuntou. Un anuncio que tan pronto se fixo en sede parlamentaria pasou a ser espallado polas redes sociais do Goberno galego e o PP. A bonificación aplícase tamén ao transporte da ría de Vigo; así como no ferrocarril na área de Ferrol, ao formar parte do Plan de transporte metropolitano.

Esta mesma semana, Néstor Rego (BNG) urxíu o Goberno estatal a aprobar a prórroga dos bonos gratuítos para o tren. "Queremos que o aprobe canto antes a prórroga no transporte público ferroviario", apuntou.

Comentarios