Parlamento

O incremento nas listas de agarda na sanidade centra a sesión de control no Parlamento

As listas de agarda na sanidade pública galega e a política enerxética e de recursos naturais da Xunta da Galiza protagonizaron o debate desta terza feira durante a sesión de control ao Goberno galego por parte da oposición.
O presidente da Galiza, Alfonso Rueda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o portavoz do PSdeG na Cámara, Luis Álvarez (Foto: Arxina).
photo_camera O presidente da Galiza, Alfonso Rueda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o portavoz do PSdeG na Cámara, Luis Álvarez (Foto: Arxina).

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, denunciou esta terza feira na sesión de control ao Goberno galego que as listas de espera na sanidade están "maquilladas" e que as urxencias fican "saturadas". A nacionalista advertiu sobre a situación que provocan os recortes, salientando que o "nerviosismo" vese na "obsesión" que mostra o presidente, Alfonso Rueda, ao aludir ao BNG mesmo nas respostas que dá ao PSdeG.

"Quite o traxe de candidato para falar de sanidade", apelou a nacionalista, que acusou Rueda de usar o seu cargo, os recursos públicos e os medios de comunicación públicos galegos "para facer campaña" no que definiu como "un auténtico escándalo democrático".Pontón acusou os populares de deixar como legado de 14 anos de Gobernos na Xunta da Galiza “unha sanidade peor que a que atopou" e de "ter 14% dos galegos e galegas nunha lista de espera [sanitaria]”.

A nacionalista sinalou a "desfeita" dun Executivo galego convertido “nun perigo” para a saúde da cidadanía: con 11.000 crianzas sen pediatra asignado, máis de 200.000 persoas agardando por unha primeira consulta hospitalaria, 46.000 por unha intervención cirúrxica e 118.000 por unha proba diagnóstica, expuxo.

“Os galegos e as galegas teñen que esperar até dúas semanas para ter unha cita co seu médico ou médica de cabeceira; están cansos e cansas de atopar unha médica ou un enfermeiro diferente cada vez que van ao seu centro de saúde, de encontrar os PAC [puntos de asistencia continuada] ou as urxencias cada vez máis saturadas ou de esperar meses por unha proba”, denunciou Pontón.

Rueda suxeriu que a líder nacionalista retoma as preocupacións pola sanidade porque "os que de verdade mandan" no seu partido "dixéronlle que o faga porque veñen as eleccións". Ao tempo, censurou a "demagoxia" e "oportunismo", e tamén que utilice datos "falsos", a pesar das cifras dadas a coñecer pola Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (Agdsp), as do propio Sergas e as do Ministerio de Sanidade, das que informou recentemente Nós Diario.

Pontón, que volveu pór sobre a mesa o seu plan "de choque" para reforzar a sanidade, que inclúe incremento de investimento na Atención Primaria, botou en cara que Rueda vaia á Cámara "para rirse" cando está a debaterse un asunto "serio". Mais advertiu que, fronte ás esperas "maquilladas" da Xunta, a poboación sabe como está en realidade a sanidade pública. "Están fartos dun Goberno que é un perigo para a súa saúde e a súa propaganda non lles vai coar máis", advertiu, tras afirmar que a desta terza feira foi a intervención "máis lamentábel" de Rueda na Cámara.

Álvarez critica a política enerxética do Executivo

Pola súa parte, o socialista Luis Álvarez afeou a Rueda a "ausencia" dunha política enerxética, a "inseguridade xurídica" na eólica e a privatización da xestión dos recursos naturais a través do "chiringuito" Recursos da Galiza, unha sociedade que, dixo, deixa 70% do seu capital "en mans privadas".

Ademais de censurar a "incapacidade absoluta" dos populares, Álvarez suxeriu ao presidente que, no canto de andar tomando "cañas" pola Galiza -no marco da precampaña que os populares emprenderon co lema 'Galicia non para!'-, debería ir a Bruxelas, onde tamén hai "unha boa cervexa". "Mellor nos iría se defendese os intereses dos galegos", dixo.

"A mellor cervexa está na Galiza!", replicou Rueda, que tamén ironizou con "canto" molesta á oposición que os populares estean "coa xente", ademais de agradecer ao PSdeG que lle faga "propaganda".

O presidente tirou de ironía e aludiu ao BNG como hipotético socio de Goberno dos socialistas, afirmando que mentres o PSdeG se queixa da "ausencia" de impulso enerxético, os seus "compañeiros do Goberno bipartito" ven que son "demasiados" os parques autorizados. "Até nos rodearon San Caetano hai non moito tempo con estrelas vermellas", afirmou, en alusión á mobilización de Eólica Así Non, plataforma da que fan parte máis de 200 colectivos, o 20 de novembro.

Comentarios