Co gallo do Día internacional de loita contra a violencia machista e co obxectivo de "facer visíbel esta lacra no medio rural", o PSOE organiza na localidade de Piñor de Cea unha andaina en que denunciarán os recortes practicados polo PP desde o Goberno español e desde a Xunta de Galiza nas políticas de prevención.
Sinalan desde a formación que encabeza o carballiñés Pachi Vázquez que, se ben é certo que se trata dun problema político que "non entende de idades, nin de nivel académico, nin de poder adquisitivo", os estudos evidencian un elemento que agrava o panorama das mulleres en situación de violencia machista e que ten a ver "coa falta de información, de recursos e de asistencia no medio rural". Así, a marcha dará comezo ás 11 da mañá na parroquia de Cotelas e terá un percorrido de cinco quilómetros que culminará coa lectura dun manifesto e un almorzo no edificio da escola vella do lugar.
EU arremete contra a "violencia institucional"
Pola súa banda, Esquerda Unida fixo público un manifesto en que condenan a violencia exercida contra as mulleres por parte das persoas que con elas manteron ou manteñen unha relación afectiva. Porén, recalcan que o terrorismo de xénero é "un problema estrutural derivado dun sistema patriarcal e baseado na división sexual do traballo".
Quéixase a formación política dos beneficios que o sistema capitalista tira da metade da poboación, que se ocupa "de maneira totalmente gratuíta e sen ningún tipo de recoñecemento social" do traballo doméstico e dos coidados, e chaman a "cambiar uns roles que só benefician o patriarcado". Censuran tamén "os queixumes polas vítimas" --en referencia ás mulleres asasinadas-- que pronuncia o PP "namentres as súas actuacións se encamiñan a consolidar o sistema que as oprime".