Crise no Concello de Ourense
O PPdeG avala a ruptura de Goberno con Jácome e BNG e PSOE exixen un cambio
08 de setembro de 2020 (20:02 h.)
O voceiro parlamentario do PP, Pedro Puy, cre que o grupo municipal da cidade fixo o correcto ao "suspender" o acordo existente. Pola súa parte, tanto Ana Pontón (BNG) como Gonzalo Caballero (PSdeG) demandan aos populares que deixen entrada a outro Executivo e poñen en dúbida os posíbeis compromisos de Feixoo e Baltar con Democracia Ourensá.
A crise de gobernabilidade ourensá non tardou en provocar as primeiras impresións dos distintos grupos políticos con representación no Parlamento. Na sesión de hoxe o máis buscado foi o PPdeG, que defendeu a decisión tomada polas sete edís populares de Ourense.
A "suspensión temporal" do pacto de Goberno no Concello de Ourense conta co aval do PPdeG, que esta terza feira afirmou a través do seu voceiro parlamentario, Pedro Puy, que os compañeiros encabezados polo ex conselleiro e ex rexidor Jesús Vázquez "fan o correcto".
O portavoz incidiu en que propuxo ao PSOE que gobernase a listaxe máis votada nas municipais, polo que considerou que cada quen ten a súa "cota de responsabilidade".
Porén, defendeu a forma de actuar do grupo municipal do Partido Popular, que mesmo renunciou ás súas competencias como parte do Executivo local, debido ao "problema interno". Na opinión da organización, estánn a actuar con "lealdade" ao pedir "estabilidade por parte do socio no concello".