18-F

Defensores de ETA e "sucursal de Sánchez": así define Rueda o BNG e o PSdeG

O PP presentou as súas candidaturas completas.
Alfonso Rueda, esta sexta feira. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Alfonso Rueda, esta sexta feira. (Foto: Nós Diario)

"Somos o partido que máis se parece á Galiza e as nosas listas están chegas de galegas e galegos", clamou esta sexta feira o candidato do PP a Presidencia da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, no que foi o acto de presentación das candidaturas populares para o 18-F.

En contraposición, Rueda mencionou o que deu en chamar "multipartito da oposición", afirmando que "non se parecen nin á Galiza nin ás galegas" os que "só aspiran a ser a sucursal de Sánchez na Galiza" –en referencia ao PSdeG– e "o nacionalismo independentista que apoia os presos de ETA", que é como describe o presidente galego a primeira forza da oposición no Parlamento galego, o BNG. 

A todos eles, Rueda –que adiantou os comicios galegos alegando que o facía para que "a Galiza siga igual"– reprochoulles a súa falta de proxecto “máis alá de sacar o PP do Goberno galego” e acusounos de “ser da escola de Pedro Sánchez”.

E referíndose a este último, o presidente da Xunta criticou o seu homólogo estatal, entre outras cousas por non poñer os "avións e barcos necesarios para frear no mar a chegada dos pellets ás praias galegas", insistindo así na "batalla" que nas últimas semanas disputan o Goberno galego e o Estatal por ver quen "o fixo peor" na xestión da vertedura de granulados plásticos.

As candidatas

No acto, Alfonso Rueda presentou as súas cabezas de lista: o seu vicepresidente primeiro, Diego Calvo, pola Coruña; a portavoz do PP no Concello de Lugo, Elena Candia; e a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, por Ourense. Rueda lidera a lista por Pontevedra.