O EPDA denuncia a falta de axudas da Xunta ás protectoras de animais

As deputadas que toman parte do Espazo Parlamentar para a Defensa dos Animais (EPDA) rexistraron as primeiras iniciativas parlamentares e denuncian incumprimentos da Xunta en materia regulamentar.

O EPDA constituído no Parlamento a prol da defensa dos animais encetou as súas tarefas de control e denuncia da situación dos animais en Galiza. Neste senso, @s representantes parlamentares que toman parte deste espazo durante a IX lexislatura apresentaron esta terza feira as primeiras iniciativas.

BNG, AGE e PSdeG preguntarán ao executivo galego sobre os seus incumprimentos en materia regulamentar a respecto da presenza de menores nos actos taurinos. Neste senso, a Comisión 1ª Institucional aprobou hai máis dun ano un veto á presenza de crianzas neste tipo de festexos, porén, a Xunta de Galiza aínda non regulamentou esta cuestión. Ana Pontón e Carme Adán, que integran o EPDA polo BNG, rexistraron unha outra pregunta sobre o número de espectáculos taurinos que se desenvolveron en Galiza no período 2008-2012.

Tamén así, no Espazo Parlamentar de Defensa dos Animais, denuncian a falta de axudas económicas que o executivo galego destina ás protectoras animais e aos refuxios sen ánimo de lucro, ao tempo que preguntarán a través das deputadas socialistas Patricia Vilán e Carmen Gallego a respecto das axudas que se destinarán ao longo desta lexislatura aos devanditos colectivos. Aliás, dirixirán ao Parlamento a denuncia formulada pola Asociación Animalista Libera e a Fundación Franz Weber sobre o pagamento de comisións bancarias ás doazóns dirixidas ás protectoras. Segundo o EPDA esta cuestión é reflexo do "lamentábel mercadeo" que se está a producir cunha achega solidaria que até o de agora estaba exenta de cobros.

Doutra banda, o comercio ilegal con animais domésticos ou a conservación de animais salvaxes nos zoolóxicos serán algúns outros dos temas que o Espazo Parlamentar para a Defensa dos Animais elevará ao executivo galego a través, neste caso, d@s deputad@s de AGE, Eva Solla e Antón Sánchez.

Comentarios