O Concello da Coruña gastará 14,5 millóns de euros nun túnel "innecesario" para arquitect@s e oposición

O goberno municipal do PP presenta un plan para A Mariña que xa foi contestado por BNG, PSOE e mesmo o Colexio de Arquitectos e que se unirá ás moi custosas obras no Parrote, con dúbidas sobre o financiamento

As prioridades económicas para o concello da Coruña pasan por reformar unha das zonas máis adiñeiradas -e turísticas- da cidade e á vez teimar no ámbito das infraestruturas malia que estas apenas aparecen entre as preocupacións principais da cidadanía.

O Goberno local de Carlos Negreira -do PP e cada vez máis 'vazquista”-  vén de presentar o seu plan para construír un túnel de catro carrís na zona da Mariña, obra que sairá a concurso e que suporá un enorme gasto de 16,5 millóns de euros, dos que 14,5 sairán das arcas municipais e os dous restantes serán aportados tamén por un ente público como a Autoridade Portuaria. 

O plan de concello coruñés xa foi recibido con críticas por parte da oposición e mesmo do Colexio de Arquitectos e vén a sumarse ao gasto que, na mesma zona, vai supoñer a reforma do Parrote, neste caso de aproximadamente doce millóns máis. 

En declaracións a Radio Coruña, Carlos Pita -presidente dos arquitectos da cidade- cualificou a obra como “innecesaria” e solicitou “explicacións” sobre a mesma. O PSOE afirmou que se trata dun “despilfarro”. 

Pola súa parte, o BNG criticou o “furor escavador do alcalde”, do afirman que quere crear unha “Coruña toupeira” e recordou que “non está garantido o financiamento da actuación, que nin sequera está garantido respecto ás obras do Parrote”. Así mesmo, negou que, como publicita o goberno municipal, o túnel vaia eliminar 40.000 vehículos diarios na zona cando “polo contrario podería ter un efecto chamada a máis vehículos”. @s nacionalistas lembran tamén que o Pepri asegura que “a accesibilidade ao ámbito está suficientemente garantido nas condicións actuais”.   

Comentarios