O BNG secunda a folga xeral do 14N e chama a seguir enfrontando as políticas da dereita

En conferencia de imprensa, o voceiro nacional da organización nacionalista, Guillerme Vázquez, asegurou que os datos de desemprego feitos públicos na Galiza a pasada segunda feira, son reflexo das consecuencias que carrexa a política económica da troika e asegurou que segue sendo necesario un cambio de rumbo.
Guillerme Vázquez
photo_camera Guillerme Vázquez, voceiro nacional do BNG

O voceiro nacional do BNG, anunciou esta terza en conferencia de imprensa que a fronte nacionalista secundaría a xornada de loita convocada polos sindicatos para o vindeiro 14 de novembro, pois dixo "existen razóns suficientes para unha folga xeral". Vázquez asegurou que os datos de desemprego publicados a pasada segunda feira, dan conta "da situación actual" e do resultado que está a dar "a política económica guiada pola troika" e implementada polos gobernos do Partido Popular. Aliás, o voceiro nacional do BNG salientou que as taxas de emigración --que seguen a aumentar entre as faixas de idade máis novas-- "disimulan as cifras de paro".

"Hai razóns máis que suficientes para ir á Folga xeral"

Así mesmo, Guillerme Vázquez, aseverou que a política da Xunta de Galiza está a pór os sectores produtivos galegos nunha situación "límite" como é a do sector lácteo galego, "que esmorece pola indolencia do Partido Popular". Vázquez referenciou os prezos do leite en Galiza --os máis baixos do Estado español e a UE-- e asegurou que son o resultado "da desidia do señor Feijóo". Neste sentido, o voceiro do BNG asegurou que a organización frontista "segue crendo na necesidade dun cambio de rumbo nas políticas" e fixo un chamamento a secundar a xornada de loita convocada polas centrais sindicais para o vindeiro 14-N poque "existen razóns máis que suficientes".

Un proceso de debate "sen límites e de abaixo a arriba"

Aliás, Guillerme Vázquez reiterou a decisión adoptada polo Consello Nacional en que se aprobou unha "folla de ruta" que sirva de guieiro no proceso de debate iniciado após os comicios do 21-O. "Un proceso sen límites, calmado e de abaixo a arriba", que vén de encetar xa nas asembleas comarcais, asegurou o voceiro nacional da organización frontista.

Porén, negou calquera dimisión en bloque da executiva e a posibilidade de que unha xestora asumise a dirección da fronte entrementres non remate o debate. Vázquez asegurou que malia que non será demorado sine die "o debate tampouco será demasiado rápido" e evitou fixar unha data para a asemblea nacional extraordinaria que, no entanto, se desenvolverá "antes do verán", asegurou.

Comentarios