Carme Adán e Santi Domínguez pídenlle contas á Xunta pola redución do Hospital de Vigo

O portavoz municipal do BNG de Vigo, Santi Domínguez, e a deputada no Parlamento galego, Carme Adán, demandaron a comparecencia do goberno galego para que dea explicacións da “brutal redución” no novo hospital de Vigo, cifrada en 70.000 metros cadrados. 
Santi Domínguez e Carme Adán en conferencia de prensa, pedindo responsabilidades pola redución no Hospital de Vigo.
photo_camera Santi Domínguez e Carme Adán en conferencia de prensa, pedindo responsabilidades pola redución no Hospital de Vigo.

Anunciaron a presentación de iniciativas no Concello de Vigo e no Parlamento. Pedirán tamén que a Corporación municipal se pronuncie, e que se remita o novo proxecto construtivo a todos os grupos con representación municipal. Amais da privatización do novo hospital, Santi Domínguez denunciou “a redución bestial da asistencia”. Tomando como referencia o prezo de mercado de cada metro cadrado construído (1.000 euros), “estamos falando de que a Xunta vaille aforrar a unhas empresas privadas 70 millóns de euros”. Criticou que ese aforro ás concesionarias será a costa da asistencia, o número de camas, quirófanos e a atención de urxencias do novo hospital de Vigo, e sinalou que non se trata só dun escándalo sanitario, senón tamén financeiro.

Os recortes

Carme Adán, pola súa banda, explicou polo miúdo en que consisten os recortes: os bloques de quirófanos e ambulatorios reduciranse en 70.000 metros cadrados; o bloque de urxencias, no 50%; as consultas para adult@s, no 35%; as pediátricas, no 18%; en canto á exploración, a redución na de adult@s será do 57%, e en pediatría, do 17%.

Tamén haberá oito quirófanos menos dos contemplados no proxecto inicial, o que supón unha redución do 24%. O recorte que se fai nas salas de observación e de consultas, cifrado no 18% a respecto do proxecto inicial, e do 7% nas cabinas de exploración.

Se o anterior proxecto incluía 224 camas individuais, agora quedan en 56, “o mínimo obrigatorio, o cal supón unha redución do 75%”. Outro dato alarmante é a redución do número de camas no hospital de día, nun 94%: no proxecto básico incluíanse 102 camas, mentres que no actual se contemplan 6 camas e 64 sillóns. Por último, Adán destacou que o servizo de diálise reduce tamén nun 41% o número de camas.

Tamén salientou a incerteza a respecto do laboratorio, que o proxecto inicial sitúa no hospital, mentres que na actualidade Sanidade baralla que continúe no Meixoeiro. Adán lembrou que xa non será centro oncolóxico, como estaba previsto inicialmente, mentres que a torre do Xeral tampouco será un centro de alta resolución. Por todo isto, reclamou a comparecencia da conselleira de Sanidade e o goberno galego, e que a Xunta explique se as achegas á empresa concesionaria tamén van ser menores.

Comentarios