O alcalde de Pontevedra, premiado como un d@s cinco mellores do Estado

O xurado que outorga este galardón destacou que Lores lidera "un goberno que coida os seus fondos máis que se fosen privados, con finanzas saneadas e superávit real" para alén de "privilexiar a mobilidade peonil e en bicicleta fronte á motorizada"

photo_camera [Imaxe: SG]


O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, recibiu o premio Pablo de Tarso que outorga o Instituto mexicano de avaliación (IMDE polas siglas en español) en alianza coa Universidade pontificia de Salamanca. 

O concelleiro de Ordenación do territorio, César Mosqueira, comunicou a concesión do galardón 'Apóstol San Pablo' que se outorga aos e ás mellores gobernantes de Iberoamérica pola súa contribución ao desenvolvemento do seu estado a través dunha boa xestión pública.

Segundo a resolución do IMDE a concesión do premio a Fernández Lores responde "a un goberno que coida os seus fondos máis que se fosen privados, con finanzas saneadas e superávit real" para alén do "saneamento dos seus ríos" ou a creación de máis de corenta quilómetros de camiños peonís paralelos ao río. Menciónase tamén a recuperación "da illa urbana e dos humidais" ao ser un municipio distinguido por Unicef como Amigo da infancia "por privilexiar a mobilidade peonil e en bicicleta fronte á motorizada".

O consistorio agradeceu o premio e declinou asistir ao acto de entrega polo elevado custo económico que suporía o desprazamento até Cidade de México, que cifraron nuns 4.000 euros por persoa. 

Comentarios