O alcalde de Barbadás non explica a procedencia do seu abondoso patrimonio

Xosé Manuel Freire Couto, man dereita de Xosé Luís Baltar, convocou un Pleno extraordinario urxente após a publicación en Interviú do seu patrimonio. A oposición interouse horas antes e denuncia que o alcalde non fixo máis do que amosar a súa declaración da renda.

A sombra das irregularidades na provincia de Ourense vencelladas a cargos públicos do PP continúa. O alcalde de Barbadás e home considerado man dereita do ex-presidente da Deputación, Xosé Manuel Freire Couto, convocou de urxencia un Pleno extraordinario coa intención de explicar as informacións que publicaba a revista Interviú. Un patrimonio millonario e varias empresas con grandes movementos económicos mais sen traballador@s cuestionaban a traxectoria do político que medrou a carón de Xosé Luís Baltar.

"Recibín a convocatoria pasadas as dúas da tarde para ese mesmo día, sen tempo de preparar a documentación", asegura Xosé Manuel Fírvida, portavoz municipal en Barbadás do BNG, "cando este tipo de plenos son para casos excepcionais". O nacionalista pensa que o alcalde quixo adiantarse á convocatoria de PSOE e BNG sobre este tema "e non dar máis explicacións que presentar a súa declaración da renda".

No Pleno agardaban numeros@s traballador@s contratados polo propio alcalde e familiares que recibiron con insultos e apupos á oposición municipal. Tamén estaban membros destacados do PP como o portavoz do PP na Deputación de Ourense e alcalde de Muíños, Plácido Álvarez, o xerente do INORDE Xose Manuel Rodríguez, o alcalde de Baltar, Xosé Antonio Feijóo, o concelleiro do PP en San Cibrao das Viñas, Eladio Fernández, o xefe da Policía Autonómica e irmán do propio alcalde de Barbadás, Indalecio Freire Couto, e o responsábel do Concello de Ourense, Rosendo Fernández.

O alcalde de Barbadás tentou xustificar o seu patrimonio actual pola "herdanza familiar", trouxo consigo a declaración da renda e quitoulle ferro a pagar 16.000 euros de multa a Facenda (44.406,12 euros reducida ó 30%) após evadir o IRPF durante varios anos.

Na quenda de réplica, o portavoz do BNG, entre insultos d@s achegad@s de Freire, denunciou a domiciliación de varias empresas do alcalde no seu piso familiar, empresas que non rexistran nin un só traballador, ou a "casualidade" de que o seu irmán sexa o xefe de policía. O voceiro nacionalista non foi quen de rematar a súa intervención polas continuas interrupcións e ameazas de apagarlle o micrófono do propio alcalde. O mesmo aconteceu na quenda de participación do portavoz do PSOE, Xosé Carlos Valcárcel.

O portavoz do BNG, entre insultos d@s achegad@s de Freire, denunciou a domiciliación de varias empresas do alcalde no seu piso familiar

Home multicargo

"Pedimos a súa demisión e que haxa responsabilidades políticas", anunciou o portavoz do BNG após o acontecido no Pleno extraordinario urxente. O nacionalista anunciou que pedirá outro Pleno Extraordinario, "este foi un circo e non o que debía ser".

Xosé Manuel Freire Couto, como home de confianza do ex-presidente da Deputación, acumulou cargos todos estes anos. En todos recibe grandes retribucións que se suman á súa actividade empresarial. Ao soldo como alcalde de Barbadás hai que sumarlle os ingresos como deputado na Deputación de Ourense por asistir a plenos, comisións informativas e xuntas de goberno. Tamén preside o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico, INORDE, un organismo autónomo de carácter administrativo dependente da Deputación Provincial creado en 1987. Por este cargo ten un soldo que supera os 60.000 euros anuais.

Patrimonio millonario

O alcalde de Barbadás e coordinador das secretarías de área do PP de Ourense conta cun patrimonio expectacular, digno dun magnate das altas finanzas, que supera os 800.000 euros. Segundo a denuncia presentada na fiscalía anticorrupción entre as propiedades de José Manuel Freire Couto e a súa familia, muller e filla, figuran tres baixos no centro de Barbadás, trece vivendas en diferentes concellos de Galiza, unha adega, dezaoito solares urbanos e 42 fincas rústicas.

A súa riqueza exténdese tamén ao eido empresarial. Freire aparece na inmobiliaria Couto y Freire SC, no psicotécnico Psico-Bluster, SL, no de Salvador de Madariaga, na empresa Eichoa e nunha inmobiliaria en Matosinhos (Portugal).

Comentarios