Nós-UP aposta na "refundación da esquerda patriótica" e Causa Galiza polo Estado propio

A organización independentista percorreu as rúas da capital galega para rematar cun acto na Praza do Toural e cun xantar popular no campus sur. Causa Galiza tamén saíu para reclamar un Estado propio para Galiza.

Cabeceira da manifestación de Causa Galiza
photo_camera Cabeceira da manifestación de Causa Galiza

Nós-Unidade Popular saía con retraso da Alameda neste 25 de xullo. Por volta da unha do mediodía a organización independentista encetaba o percorrido da súa manifestación. Con dúas comitivas, por volta de 300 persoas clamaron pola "independencia nacional" e unha "República galega, feminista e socialista", como rezaba o lema da convocatoria. 

Neste Día da Patria Galega Nós-UP contou coa presenza de diversas delegacións internacionais que quixeron amosarlle o seu apoio. Desde Euskal Herria, Niko Moreno representou a esquerda abertzale. Tamén a CUP e Endavant MDT quixeron transmitir a solidariedade dos Països Catalans mais destacou o comunicado enviado polas FARC-EP que saudaron desde Colombia á organización independentista. Así mesmo, un integrante da asociación Galiza por Palestina tomou parte na xornada convocada por Nós-UP que deu especial protagonismo ao pobo palestiniano. 

Unha grande bandeira de Galiza encabezaba a mobilización e detrás da primeira faixa que portaban representantes da dirección política independentista, unha bandeira de Palestina lembraba a solidariedade do pobo galego coa poboación dos territorios ocupados e, especialmente, da veciñanza gazatí "masacrada" polo exército sionista no marco da ofensiva 'Bordo Protector'. 

Nós-UP defende a "construción de candidaturas abertas de unidade popular nas próximas eleccións municipais" 

Tamén representantes da asociación Que voltem para a casa acompañaron a organización independentista neste Día da Patria e mesmo tomaron a palabra ao inicio do acto político desenvolvido na Praza do Toural. En nome do colectivo de familiares e amizades d@s pres@s independentistas Que voltem reclamou o fin da "dispersión" penitenciaria, contraria, dixeron, a dereito e unha "política criminal, inhumana e vingativa" que "vulnera os dereitos humanos". 

Candidaturas abertas de unidade popular para as municipais

O acto político foi clausurado pola portavoz nacional de Nós-Unidade Popular. Rebeca Bravo referiuse ás aspiracións da organización independentista no marco do actual contexto político. A voceira de Nós-UP asegurou apostaren pola "construción de candidaturas abertas de unidade popular nas próximas eleccións municipais" e dun "pólo da esquerda nacional e patriótica" dirixido a crear "unha nova forza ampla, abranguente e rupturista", afirmou. 

Unha aposta estratéxica alicerzada, acrecentou, na renuncia a calquera formulación que non  se alicerce na "auto-organización en termos nacionais e de clase". 

O acto rematou coa entoación do himno galego e a queima dunha bandeira española. Posteriormente tivo lugar un xantar popular no campus norte após o Concello de Compostela denegarlle o permiso para o desenvolver no Parque de Belvís, como inicialmente estaba previsto. 

Causa Galiza defende un Estado propio para Galiza no Día da Patria

O colectivo independentista desenvolveu un acto político na Praza do Pan após unha manifestación que percorreu o casco histórico de Compostela. 

Causa Galiza tamén saíu ás rúas da capital galega neste 25 de xullo. Foi a última das organizacións en partir da Alameda vén entrado o mediodía.

O colectivo independentista sacou ducias de bandeiras de Galiza para rexeitar a presenza de Felipe VI

A organización estivo arroupada tamén por familiares d@s pres@s independentistas e cunha nutrida presenza de bandeiras de Galiza. O colectivo independentista quixo amosar desta maneira o seu rexeitamento á presenza de Felipe VI, que tomou parte nos actos relixiosos organizados na Catedral compostelá e á "persecución" e "criminalización" desta simboloxía. 

'Para vivermos con dignidade no noso País. Independencia' foi o lema elixido para este Día da Patria onde máis dun cento de persoas respostaron á convocatoria lanzada por Causa Galiza. A marcha independentista rematou na Praza do Pan onde defenderon a "constitución dun Estado propio" como "única ferramenta" para dar solución ás problemáticas que atinxen o país. 

"Calquera solución para a cuestión social", como ten afirmado o seu portavoz nacional, pasa pola defensa da independencia para Galiza ao contrario, criticaron, do que propón a "neoesquerda rupturista". 

O acto rematou coa entoación do himno nacional e cunha romaría popular no Parque de Lasalle. 

Comentarios