Ningunha das residencias de maiores comprometidas por Feixoo para as 7 cidades está en miras de construírse

O BNG lembra que 19 meses despois daquela promesa do presidente “non hai ni un contrato asinado, nin un ladrillo posto”

bng residencias
photo_camera Pontón, Goretti Sanmartín, e Rubén cela na parcela que debería albergar en Compostela unha desas sete residencias anunciadas por Feixoo

Após un consello da Xunta en febreiro de 2017 Feixoo anunciou a construción de sete residencias nas grandes cidades. Camiño dos dous anos daquel compromiso público, “non hai nin un contrato asinado, nin un ladrillo posto”, enuncia o BNG.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, xa avanzou que vai levar ao debate de política xeral de outubro o déficit de residencias públicas de maiores cunha proposta de resolución para que o presidente galego cumpra cos seus propios investimentos nesta materia.

Para denunciar a “distancia sideral” que separa “a propaganda, a publicidade e autobombo de Feixóo da realidade e dos feitos”, a dirixente do Bloque xunto coa portavoz municipal en Santiago, Goretti Sanmartín, desprazáronse até a parcela que debería albergar en Compostela unha desas sete residencias anunciadas polo propio xefe do Executivo. “Máis de ano e medio despois, 475 días despois do anuncio, aquí estamos no medio dunha parcela completamente baleira, salvo polos coches que están aparcados”, denunciou a líder do BNG.

Pontón criticou a “incompetencia” de Feixoo ante un problema de tanta transcendencia social “que non se soluciona con propaganda en forma de anuncios tras o consello da Xunta que se quedan nun titular pero sen que haxa nada detrás”.

Salientou que estas infraestruturas deben ser consideradas un servizo social básico, tendo en conta ademais que Galiza está por debaixo da media. De feito, a OMS recomenda 5 prazas por cada cen maiores e o este país só conta con 3,1 por cada 100 maiores, un déficit de prazas que rolda 40%. Igualmente, un recente informe do Consello de Contas denunciaba que para acceder a unha residencia as persoas maiores deben esperar dous anos, cando a lei marca nove meses.

Comentarios