O modelo policial do PP choca co disposto no Estatuto da Galiza

O modelo policial defendido nos últimos anos polo PP choca co disposto no Estatuto de Autonomía de 1981. A posición dos populares está marcada polos sectores da extrema dereita, moi particularmente por aquelas asociacións dos corpos de seguridade do Estado ligadas a Vox. A introdución do debate na campaña dá conta da viraxe do PP galego cara a posicións ideolóxicas cada vez máis reaccionarias.

Control de tráfico de la Guardia Civil.
GUARDIA CIVIL
(Foto de ARCHIVO)
05/4/2021
photo_camera A Lei 8/2007 da Policía da Galiza atribúe á Xunta o control do tráfico nas vías interurbanas. (Foto: Europa Press).

O pasado 13 de febreiro, o secretario xeral de Xustiza para a Garda Civil (Jucil nas súas siglas en castelán), Ernesto Vilariño, remitía unha carta aos candidatos do PP e do PSOE, Alfonso Rueda e José Ramón Gómez Besteiro, instándoos a explicar a súa postura "con total claridade" sobre a proposta electoral do BNG de crear unha policía autonómica. A secretaria xeral do PP, Paula Prado, non tardou en apoiar as demandas desta asociación próxima Vox, manifestándolle o seu “permanente respaldo”.

A resposta de Prado está na liña do formulado polos populares nos tres últimos anos e de acordo coas súas propostas de campaña, mais choca coa posición mantida no pasado e coa propia lexislación galega e estatal. En 2008, o PP apoiou a transferencia das competencias de tráfico a Galiza e aínda en abril de 2021 se abstivo no Parlamento da Galiza a unha proposta análoga do BNG. En xuño dese ano a formación encabezada por Rueda consumou a súa viraxe, votando en contra dunha iniciativa que desenvolvía o disposto na Lei 8/2007 da Policía da Galiza.

A Lei orgánica 1/1981 de 6 de abril pola que se aproba o Estatuto de Autonomía recolle no artigo 27.25 como competencia exclusiva da Galiza “a creación dunha Policía Autónoma de acordo co que dispón a Lei Orgánica prevista no artigo 149. 1.29 da Constitución”. A norma, como todas as deste rango, foi aprobada pola maioría absoluta das Cortes Xerais do Estado, após contar co apoio das principais forzas, entre elas Alianza Popular, antecedente do PP, naquela altura liderada polo futuro presidente da Xunta da Galiza Manuel Fraga.

Os Gobernos galegos non desenvolveron durante os máis de 40 anos transcorridos este precepto estatutario. Neste sentido, a Xunta da Galiza só conta cunha Unidade do Corpo Nacional de Policía de España adscrita á comunidade autónoma, creada ao abeiro Real decreto 221/1991, do 22 de febreiro e en funcionamento desde outubro de 1991, que depende organicamente da Dirección Xeral da Policía do Ministerio do Interior e funcionalmente da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta. A este respecto, os Executivos do PP presididos por Feixoo e Rueda aparcaron aplicación do disposto na Lei 8/2007 impulsada polo Goberno de PSdeG e BNG.

As competencias fixadas para a policía galega son similares á doutras comunidades que contan con policía autonómica e non con unidades adscritas. Dispoñen de policía autonómica Catalunya cos Mossos d'Esquadra; Euskadi coa Ertzaintza; Nafarroa coa Policía Foral; Canarias coa Guanchancha e Madrid coas Brigadas Especiais da Seguridade (Bescam). Curiosamente, as organizacións profesionais maioritarias nos corpos de seguridade do Estado centran as súas críticas en unidades como os Mossos d'Esquadra ou a Ertzaintza, e gardan silencio ou apoian a Bescam formada por máis de 10.000 efectivos.

Comentarios