18-F

Unha asociación de gardas civís insta PP e PSdeG a "aclarar" se apoian a proposta de policía autonómica do BNG

A asociación profesional Xustiza para a Garda Civil (Jucil nas súas siglas en castelán) di que cumprir con esa competencia do estatuto galego suporía “un claro prexuízo tanto policial como persoal para os gardas civís destinados e residentes na Galiza".

Polici autonomica foto @upagalicia
photo_camera Vehículo da Policía Nacional adscrita á comunidade autónoma galega (Foto: @upagalicia)

A asociación profesional Xustiza para a Garda Civil (Jucil nas súas siglas en castelán) urxe o presidente da Xunta da Galiza e candidato á reelección, Alfonso Rueda, e o candidato á presidencia do PSdeG, José Ramón Gómez-Besteiro, que aclaren a súa postura "con total claridade" sobre a proposta electoral do BNG de crear unha policía autonómica galega, competencia recoñecida no propio estatuto de autonomía

A carta, asinada polo secretario xeral da asociación Jucil, Ernesto Vilariño, mostra a súa preocupación ante este punto do programa nacionalista que cre que suporía "un claro prexuízo tanto policial como persoal para os gardas civís destinados e residentes na Galiza".

Así mesmo, o secretario xeral reclama a PSdeG e PP que "defendan a Garda Civil e aos intereses dos cidadáns galegos" aos que, segundo Vilariño, "non se preguntou".

Por estes motivos solicita a ambas as dúas candidaturas unha reunión "urxente e previa ás eleccións" co fin de transmitirlle a súa "preocupación" de primeira man.

"Unha vez máis vemos como os gardas civís convértense en moeda de cambio política por un feixe de votos que garanta un mellor resultado electoral e deixando de lado a seguridade dos cidadáns galegos", argumenta Vilariño na carta.

Con todo, a Unidade do Corpo Nacional de Policía de España adscrita á comunidade autónoma galega, que o Partido Popular fai pasar como policía autonómica, xa existe. E é máis, o mesmo PP tense pronunciado a favor de instar o Goberno estatal a cubrir as vacantes desta unidade, lamentando, ademais, que se trata dun corpo cun déficit de case 30% de persoal.

Que propón realmente o BNG? No programa co que a formación nacionalista concorre o 18-F especifícase a “creación do Corpo de Policía da Galiza”, tal e como prevé o Estatuto de Autonomía. Este corpo que propón o BNG “asumirá as competencias e funcións que actualmente ten conferidas a Unidade da Policía Adscrita”.

O Corpo de Policía da Galiza sería posíbel coa transferencia da competencia en materia de tránsito e seguridade viaria á Galiza. Unha transferencia reclamada en numerosas ocasións polo BNG no Parlamento galego e rexeitada polo PP.

Comentarios