O modelo de financiamento pon en perigo as prestacións sanitarias

A Xunta da Galiza dedicou 8.336 millóns de euros dos orzamentos de 2021 a sufragar os custos da sanidade, educación e benestar. Porén, o Goberno do Estado só transferiu á Galiza 6.268 millóns para financiar a prestación destes servizos. Así, un ano máis, o modelo de financiamento vixente pon en risco a prestación dos servizos básicos.

Os tempos de agarda reais para una cirurxía chegan a 365 días (Foto: Europa Press).
photo_camera Profesionais da sanidade pública durante unha cirurxía. (Foto: Europa Press)

O investimento sanitario, educativo e en benestar representou en 2021, último ano con cifras, 62,7% do total do orzamento galego. Segundo os datos achegados pola liquidación das contas galegas e do sistema de financiamento, a Xunta dedicou a financiar estes servizos 8.336 millóns, destinando 4.762 millóns a sanidade, 2.702 millóns a educación e 865 millóns a servizos sociais.

O sistema sanitario concentra a contía máis elevada. A súa maior parte destínase a gasto de persoal; porén, outras cantidades importantes están dirixidas a cubrir o gasto sanitario e o mantemento e funcionamento dos centros de saúde e hospitais. Nesta liña, suma 36,9% do orzamento galego. As partidas dirixidas ao sistema educativo responden a unha lóxica de gasto semellante, significando 20,9% do monto das contas públicas.

A liquidación do sistema de financiamento de 2021 revela que o Goberno do Estado transferiu á Galiza nesa anualidade 6.268 millóns para sufragar a prestación dos servizos sanitarios, educativos e de dependencia, que conforman os piares básicos do modelo de benestar. Precisamente a capacidade traspasada ao Executivo galego pola facenda española significa 44,9% do total do recadado pola Administración Estatal da Axencia Tributaria (AEAT) no país, cuxa cifra final alcanzou 13.974 millóns nese exercicio.

O déficit xerado polo modelo de financiamento vixente en 2021 á sanidade, á educación e aos servizos sociais foi de 2.068 millóns. Porén, as cifras dese exercicio non representan ningunha novidade na tendencia das dúas últimas décadas, onde ano tras ano se produce un desfase contábel que debilita o estado de benestar galego. En 2002 xa se xerou un déficit de 292 millóns.

Os datos referidos a 2020 son bo exemplo: a liquidación das contas galegas dese ano sinalan que o investimento nos servizos públicos esenciais significou 56,7% do total do orzamento. A este respecto, a contía total destinada a financiar o estado de benestar na Galiza foi de 7.908 millóns, dedicando 4.531 millóns a sanidade, 2.555 millóns a educación e 806 millóns a servizos sociais.

O Goberno do Estado transferiu á Galiza en 2020 uns 5.481 millóns para financiar os custos da prestación do servizos sanitarios, educativos e sociais. A cifra está moi por baixo do recadado nese ano na Galiza pola AEAT, que alcanzou un mínimo de 11.938 millóns. Así, o modelo de financiamento xerou un déficit de 2.427 millóns nese exercicio na sanidade, na educación e nos servizos sociais galegos.

Recursos insuficientes

O modelo de financiamento vixente no Estado desde 2009 transfire recursos insuficientes á Galiza para a prestación dos servizos básicos e, particularmente, da sanidade, educación e benestar. Nesta dirección tense manifestado o Consello de Contas da Galiza, que na fiscalización da conta xeral galega de 2020 advertiu da “insuficiencia do actual modelo para proporcionar os recursos financeiros necesarios para a cobertura das necesidades de gasto que leva a prestación dos servizos da súa competencia”; e considera "de urxencia" a aprobación dun novo modelo que solucione estas insuficiencias.

Comentarios