VÍDEO | Ana Pontón felicita o ano desde Chorente: "Somos un gran país, cun gran futuro se confiamos en nós"

A líder do BNG enuncia o seu discurso de Nadal enxalzando os valores "que dan sentido á política, como escoitar e dialogar", uns valores que, di, aprendeu na cociña desta casa familiar.
Ana Pontón felicita o ano desde a súa casa familiar en Chorente. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ana Pontón felicita o ano desde a súa casa familiar en Chorente. (Foto: Nós Diario)

"Confianza". Esa é a palabra máis repetida por Ana Pontón na mensaxe coa que felicita o ano á cidadanía galega desde a súa casa familiar en Chorente (Sarria). "Somos un gran país, cun gran futuro se confiamos en nós", dixo a portavoz nacional do BNG, especialmente insistente na súa "confianza" na Galiza e nos galegos e galegas para "saír adiante" e "construír un futuro mellor".

"Estamos a punto de rematar 2022 e son días de apertas, de reencontros, sobre todo neste país no que tantos e tantas estades lonxe das persoas que máis queredes. Días de compartir, de reunirnos arredor da mesa da cociña, como esta na que eu me criei en Chorente", comeza Pontón.

Unha cociña, confesa, na que aprendeu moitos dos valores "que lle dan sentido á política, como o de escoitar e dialogar". "Aprendín a importancia da xente do rural que, como os meus avós e os meus pais, traballaban a terra para producir alimentos; aprendín que temos que coidarnos unhas ás outras", prosegue a dirixente nacionalista, que manifesta a súa "indignación" coa "deterioración dos servizos públicos", nomeadamente a sanidade.

"Aquí, cos meus avós, aprendín o respecto polas persoas maiores, e que mellor maneira de respectalas que garantindo o seu dereito a unha vellez digna", sostén, salientando tamén o "exemplo" da súa avoa, nai e irmá para aprender "a forza e o valor do traballo das mulleres". "Sei que, si ou si, o futuro será en igualdade", celebra.

"Cada ano volvo a esta cociña, porque desde as raíces somos capaces de avanzar e, por iso, a pesar das dificultades, teño confianza no futuro, porque teño confianza na Galiza e en todos e todas vós", declara na súa alocución de Nadal.

Confianza, afirma, "nas empresas, innovadoras e á vangarda, con traballadores e traballadoras de primeira; nos sectores produtivos, como o agro e a pesca, que souberon modernizarse". "Teño confianza vendo como cada día sacades adiante o voso negocio, loitando, sen rendervos; confianza ante a creatividade da nosa xente da cultura e ante o noso talento investigador nas universidades. Como non sentir confianza cando vexo á mocidade que vos implicades co planeta e o voso empeño en encontrar alternativas aquí", engade a líder do Bloque.

"Por todo isto e moito máis, confío na Galiza, un gran país, cun gran futuro se confiamos en nós. Feliz 2023 para todos e todas", conclúe Pontón na súa felicitación.

Comentarios