Martín Seco (PSdeG) di que a súa conduta no Parlamento foi “irreprochábel”

O deputado socialista asegura a Nós Diario que o inicio do expediente disciplinario está baseado “nun informe” que descoñece. Seco sinala que se defenderá “con tranquilidade”.

O parlamentario Martín Seco,  ás portas da Cámara galega. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O parlamentario Martín Seco, ás portas da Cámara galega. (Foto: Nós Diario)

O deputado socialista Martín Seco confirma a Nós Diario que lle chegou “un  documento de iniciación de expediente disciplinario asinado polo secretario de organización do PSdeG, José Manuel Lage Tuñas”, no que se motiva esa actuación “unicamente en base a un informe, que descoñezo, do actual portavoz parlamentario sobre a miña intervención no Parlamento galego”.

O deputado sinala que as súas intervencións parlamentarias ao longo de todo o debate, en relatorio e comisión, da Lei de Áreas Empresariais da Xunta “foron críticas coa política industrial e empresarial do PP da Galiza, tendo en conta que o seu inacción está a levar a Galicia a perder peso industrial, ademais de estar baseado nun informe remitido pola propia dirección do PSdeG e datos oficiais da nosa economía”.

Apunta que antes do pleno no que se produciu a aprobación desa lei, “indicóusenos que deberiamos votar a favor por indicación da dirección do partido e así o fixemos, para non ser acusados de pór paus nas rodas ao desenvolvemento económico da Galiza”.

Por este motivo, asegura que o seu comportamento “foi adecuado e irreprochábel, votando o que indicou a dirección do PSdeG, non existindo ningunha tacha posible no meu comportamento parlamentario nin menoscabo á imaxe do partido, debido a que actuei con lealdade e en liña co mandato da dirección do PSdeG”.

Conducta irreprochábel durante “25 anos como militante”

“Tras máis de 25 anos como militante, o meu comportamento como parlamentario foi irreprochábel” polo que considera que “non hai xustificación para un expediente, que en todo caso resolverase de acordo ás normas estatutarias e ao marco legal”.

Por último asegura que “chegado o momento poderei defender o meu comportamento coa tranquilidade de saber que calquera que escoite a miña intervención verá que nada xustifica este expediente”.

Comentarios