Martiño Noriega, preguntado por Sumar, desbota falar de "futuríbeis" e di que "o camiño de Anova é outro"

O novo dirixente de Anova afirma que coa súa volta á primeira liña busca "botar unha man tendendo pontes e xerando espazos de combate".
martiño noriega maria rozas yolanda díaz
photo_camera Martiño Noriega, María Rozas e Marta Lois, esta segunda feira, na capital galega. (Foto: Compostela Aberta)

O ex alcalde de Santiago e portavoz nacional de Anova, Martiño Noriega, rexeitou esta segunda feira falar de "futuríbeis" a respecto de se esta formación podería implicarse activamente no proxecto Sumar, impulsado pola vicepresidenta segunda do Goberno español, Yolanda Díaz. Noriega suxeriu que, neste intre, o camiño de Anova "é outro".

Recentemente o ex rexedor da capital galega volveu situarse á fronte de Anova, a organización que impulsou, entre outros, o histórico nacionalista Xosé Manuel Beiras tras a saída do BNG en 2012, e esta segunda feira participou na presentación de María Rozas como candidata de Compostela Aberta á Alcaldía en 2023.

En declaracións aos medios, Martiño Noriega apuntou que volve á primeira liña a ocupar "outro rol, máis en clave organizativa e de botar unha man", sendo consciente de que el agora está incorporado ao seu traballo como médico, no que desexa continuar. "Pero corresponsabilizado para botar unha man no espazo de Anova e seguir participando tamén no espazo de Compostela Aberta", precisou.

O dirixente de Anova argumentou que, aínda que a sociedade vive "un momento diferente ao da crise económica", enfróntase "con outro tipo de ameazas á democracia", por exemplo "coa chegada da extrema dereita a moitas institucións". Existe, dixo, "un capital político" en Anova e "un patrimonio humano que había que activar".

"Como dicía un amigo meu, algo que non é só atribuíbel á política, nestes tempos despois da pandemia e da crise a cabeza di o que hai que facer pero o corpo non acompaña. Pois eu decidín conectar cabeza e corpo e tentar pór en valor referentes de espazos de Anova e da esquerda do país como Xosé Manuel [Beiras], Antón [Sánchez] ou Oriana [Méndez], de moita xente que aporta, e participar nese dique de contención", esgrimiu.

"O camiño de Anova é outro"

Noriega sinalou que a súa situación persoal é "moi distinta" á de tres anos atrás, e exponse a volta á primeira liña en clave de implicación social mais compaxinando o seu labor político co traballo. "Hoxe tiven que escapar un anaquiño", explicou, e aludiu ás "xornadas maratonianas" nunha sanidade pública que, afirmou, permitiulle "reconectar moito" coa cidadanía.

Por iso quere implicarse, para "botar unha man tendendo pontes e xerando espazos de combate". Porén, preguntado sobre se mantivo algunha conversación con Yolanda Díaz, replicou que "como responsábel de Anova, non". Iso si, puntualizou que el ten coa ministra "unha relación como persoa", como ten con "outras moitas" do seu espazo político.

E sobre a participación activa en Sumar de Anova, manifestou a súa convicción de que, nestes momentos, "o camiño de Anova é outro", unha vía de "reconstrución" e de reactivar o traballo desde unha perspectiva social e non tanto "en clave electoral", durante os últimos dez anos "no epicentro de todo".

"Normalizar relacións" co BNG

Deste modo, se ben asegurou que Anova sempre será "responsábel", defendeu que a "prioridade" agora é "facer traballo social". "E logo o tema electoral xa se verá. Nestes momentos estamos centrados nas municipais e participaremos en diferentes candidaturas", explicou, para engadir que sería "absolutamente irresponsábel" falar de "futuríbeis".

"Nestes momentos non é un debate aberto e Anova ten agora mesmo outros camiños, ten que reactivar ese traballo fóra do ámbito electoral", dixo Noriega, quen, nunha entrevista con Nós Diario a pasada semana, incidiu na convicción de que a súa formación e o BNG teñen como materia pendente "normalizar as relacións" e "cicatrizar as feridas".

Comentarios